O Concello de Bueu renovou as instalacións do skate park das Lagoas
- Esta medida adoptouse tras ter constancia do mal estado no que se atopa esta instalación deportiva
- Así mesmo, xa se arranxou o problema de iluminación existente na urbanización desta zona
O concelleiro de obras e servizos, Fidel Castro, e a edil de turismo e promoción económica, Silvia Carballo, desprazáronse na mañá deste luns á zona das Lagoas onde puideron comprobar as últimas reparacións que realizou o consistorio bueués no skate park, onde se instalaron unhas pranchas nos módulos laterais de aceiro galvanizado, co obxecto de paliar as continuas roturas que se producían neste espazo tan utilizado pola mocidade da vila. Esta actuación súmase á renovación da mini pista que se fixo fai dous anos, e que supuxo a recubrición en fibra de vidro, cun orzamento total de 9.000 euros, financiada con fondos municipais.
Así mesmo, Fidel Castro declara que xa quedou paliado o problema de iluminación que existía na urbanización das Lagoas, onde dende fai semanas os operarios municipais estaban traballando para atopar unha solución á continua falta de iluminación. Finalmente, estes días detectouse unha das causas que afectaba, a existencia dun cable trillado, que se atopaba en mala situación e facía que as luminarias se apagasen continuamente. Neste sentido, dende o goberno confían en que o problema quedase definitivamente resolto a excepción de dous puntos no último tramo do vial de Ramón Bares con Johán Carballeira. Por iso, e dada a complexidade do asunto, o Concello quere trasladar as desculpas a toda a poboación que se viu afectada nestas semanas.