O Concello de Bueu licita a contratación do servizo de mantemento informático
- O prazo de presentación de ofertas será de quince días naturais, a contar dende a publicación do anuncio no BOPPO este venres
O Concello de Bueu abre o prazo para a licitación da contratación do servizo de mantemento informático para os servizos municipais. Así se recolle no anuncio publicado este venres no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO), polo que se establece un prazo de presentación de ofertas de quince días naturais.
O obxecto do contrato, que se establecerá por un período de catro anos, será o mantemento de equipos informáticos e sistemas de información situados nas distintas dependencias do Concello de Bueu do modo que se indica nos apartados seguintes, así como a asistencia e apoio técnico en tarefas de administración e xestión informática, tal e como se especifica nos pregos técnicos.
O orzamento é de 84.710,80 €, IVE incluído, e na tramitación valoraranse diversos aspectos. Así haberá criterios valorables mediante cifras ou porcentaxes obtidos a través da aplicación de fórmulas matemáticas (mellora á baixa do prezo establecido, ampliación na dispoñibilidade presencial nas oficinas do Concello de Bueu), e criterios non valorables mediante cifras matemáticas (caso de obxectivos, alcance e soporte técnico, solución técnica e medidas de seguridade).
As empresas que desexen concorrer a este proceso deberán entregar tres sobres: un primeiro, o A, coa documentación acreditativa da vontade de participar; un B, que deberá ir pechado e lacrado, coa oferta técnica; e o último, o C, coa oferta económica, esta tamén en sobre pechado e lacrado.
Toda a documentación poderá verse dende a web municipal, www.concellodebueu.gal, accedendo á Plataforma de Contratación do Estado.