Comunicado do Concello de Bueu en relación coa ocupación dos espazos públicos
O goberno local de Bueu reuniuse este luns pola tarde para valorar o acontecido esta fin de semana pola noite en varios lugares do casco urbano, nos que se produciron altercados e aglomeracións de persoas bebendo nas rúas, o que causou un enorme malestar na cidadanía. Tras esta xuntanza, o Concello de Bueu actuará con contundencia para facer cumprir a legalidade e que todos os espazos sexan agradables e habitables para a convivencia. Así, Félix Juncal, alcalde do Concello, traslada á cidadanía as seguintes consideracións:
1. A situación preocúpanos aínda que, por desgraza, non é exclusivo de Bueu, senón que se está producindo en moitos outros municipios, como vemos a miúdo nos medios de comunicación. O asunto é complexo, pois existe unha combinación de factores que son os que propician esta situación.
2. Os gobernos estatal e autonómico adoptaron unha serie de medidas que limitan a aglomeración de persoas e a prohibición de consumir alcohol nas rúas e nos espazos públicos.
3. A imaxe do Concello en canto ao estado de limpeza e conservación é un labor de todas e todos. O comportamento cidadán é imprescindible e non se pode consentir que se degraden e que o Concello teña un sobre custo debido ao reforzo dos servizos de limpeza.
4. A ocupación dos espazos públicos debe ter un límite e non pode consentir que se ocupen de xeito indiscriminado os espazos públicos. Por este motivo, dende a Alcaldía déronse as indicacións oportunas á Policía Local para que controle os espazos das terrazas dos establecementos hostaleiros da vila e a aplicación dos horarios das mesmas, co fin de garantir o cumprimento da legalidade e impedir que se produzan situacións similares á da pasada fin de semana.
5. Aínda que actuaremos con contundencia para facer cumprir todas as consideracións legais establecidas nos decretos autonómicos e estatais de loita contra a Covid-19, si que somos conscientes de que boa parte desta situación debería ser asumida pola Garda Civil, que é a quen corresponde a seguridade cidadá. Culpamos, pois, á Subdelegación do Goberno pola desatención do noso Concello. Posiblemente, a Policía Local de Bueu asumiu durante décadas traballos e funcións que corresponden á Garda Civil, e por iso esiximos un trato igual ca en calquera outro Concello.
6. Por último, queremos trasladar unha mensaxe positiva á cidadanía, pois cremos que a aplicación destas medidas permitirán que habitemos espazos que sexan máis agradables e seguros, e nos que poidan convivir diversos usos sen causar molestias.
O grupo de goberno fará un seguimento pormenorizado desta situación, e abordará a problemática concreta do barrio da Banda do Río nunha xuntanza que se celebrará previsiblemente esta semana coa Plataforma Veciñal da Banda do Río.