Comezan no CEIP A Pedra as Escolas de Familias de infantil e primaria
-
A xornada inaugural, na que estivo presente a concelleira de infancia e mocidade, Inmaculada Rodríguez, tivo lugar o pasado xoves
-
Para a vindeira semana arrancan as escolas para os pais, nais e persoas educadoras do alumnado de secundaria
Este xoves deron comezo as Escolas de Familias de infantil e primaria organizadas polo Concello de Bueu e que se celebrarán en sesións quincenais os xoves ata o mes de marzo no CEIP Plurilingüe A Pedra. Precisamente na xornada inaugural de onte estivo presente Inmaculada Rodríguez, concelleira de infancia e mocidade, quen deu a benvida ás quince participantes e salientou que “se trata dunha iniciativa na que poñemos moito traballo xa que a educación é o piar básico para o avance das sociedades, e os nenos e nenas non só son o futuro senón que xa están no presente”. Por iso, a través do debate e da reflexión, Cristina Bernárdez, do gabinete Crece Psicología, achegará diversos temas sobre o que as asistentes compartirán experiencias: a resolución de conflitos de xeito positivo, o vínculo afectivo e a súa importancia no desenvolvemento infantil, as novas tecnoloxías, e os estudos dos fillos/as. As sesións son gratuítas e as persoas que o desexen aínda están a tempo de inscribirse no Departamento de Benestar Social.
Os pais e nais do alumnado de secundaria tamén poderán participar noutras escolas, que arrancarán o próximo xoves, 11 de outubro, nas dependencias do IES Johán Carballeira e nas que se tratarán asuntos como o control persoal na xestión de conflitos, o benestar emocional na familia, as novas tecnoloxías e o acompañamento dos fillos/as para reforzar a súa autoestima. Neste caso, as inscricións deberán realizarse nos centros educativos da vila.
As escolas de familias concíbense como un espazo para reflexionar e dialogar sobre a crianza e as relacións familiares. Esta actividade forma parte do programa de obradoiros sociais que o Concello pon en marcha e que atenden a diversos colectivos. Así, tamén desde principios de ano estanse desenvolvendo os talleres de memoria para persoas maiores, tanto na Casa do Pobo de Beluso como no Centro Social do Mar.
0 Comentario(s)