Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Comezan as obras de mellora da accesibilidade ás praias de Pestís e Pescadoira

As praias urbanas de Pescadoira e Petís verán mellorados os seus accesos nos próximos meses, tras o remate das obras que se están levando a cabo na contorna da Nave de Deportes Náuticos. A actuación, subvencionada pola Axencia Galega de Turismo da Xunta de Galicia e con cargo aos remanentes do Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra, permitirá pavimentar con formigón impreso arredor de 780 metros cadrados.

O alcalde de Bueu, Félix Juncal, visitou esta semana as obras que está levando a cabo a empresa Pavimentos Industriais Fonteca SLU, que resultou adxudicataria cun orzamento de 30.855 €. Segundo o rexedor, “trátase de acometer a mellora ambiental da fronte marítima de toda a Avenida Montero Ríos a través de diversas actuacións”.

Con esta actuación preténdese mellorar a accesibilidade a estes dous areais situados no centro da vila e moi visitados pola cidadanía local e tamén polos turistas que veñen ano a ano, revalorizar urbanisticamente o entorno ata convertelo nun elemento potenciador do extreme este do paseo marítimo, e renovar as instalacións deportivas co fin de contribuír á promoción e desenvolvemento do deporte náutico.

Os traballos que se levarán a cabo son: a limpeza mecánica mediante a aplicación sobre a superficie de lanza de auga a presión, e o pavimento continuo de formigón impreso.