Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Comeza a construción dun módulo de vestiarios masculinos na Nave de Deportes Náuticos de Pescadoira

  • A empresa Constructora Ediserpo SL está levando a cabo as obras cun orzamento de 46.270,17 €, con cargo aos remanentes do Plan Concellos 2016 da Deputación de Pontevedra

O Concello de Bueu continúa coas obras de mellora das instalacións deportivas municipais, e estes días avanza a bo ritmo a construción dun módulo de vestiarios para homes na Nave de Deportes Náuticos de Pescadoira, que completará o xa existente de mulleres, e que incorporará duchas e aseos.

A actuación, realizada con cargo aos remanentes do Plan Concellos 2016 da Deputación de Pontevedra, estase levando a cabo por parte da empresa Constructora Ediserpo SL cun orzamento de adxudicación de 46.270,17 €.

Tal e como consta no proxecto da obra, a nave divídese en dous: a parte situada ao Este está dedicada á restauración e construción de embarcacións tradicionais, e a Oeste ao deporte de remo nas súas diversas variedades, fundamentalmente remo en equipo. Na zona de vestiarios desta última zona construíuse un módulo de baños para mulleres fai un ano. Así mesmo, neste espazo leváronse a cabo diversas melloras nos últimos anos: substitución da cuberta e dotación de iluminación interior, rehabilitación dos muros perimetrais exteriores, instalación de carpintarías nos ocos tapiados co fin de dotar a nave de ventilación natural, así como o aproveitamento da luz solar, e mellora nas fachadas, nas que tamén se abriron ventás que ampliaron a ventilación e iluminación. Ademais aplicouse un tratamento aos muros de pedra existentes, mediante a reparación das xuntas e unha monocapa resistente ao ambiente salino, debido á situación de proximidade da nave ao mar. E por último, construíuse un muro suplementando o existente na fachada sur (colindante coa praia de Petís).