Cela celebra esta fin de semana a XV Festa do Viño Tinta Femia
- O evento arrancará este venres ás 20.00 horas e incluirá programación ata o domingo con catas de viños e actuacións musicais
- O pregoeiro deste ano será Manuel Villanueva, director de contidos de Mediaset España
A parroquia de Cela acolle a próxima fin de semana un dos seus actos estrela: a XV Festa do Viño Tinta Femia, que incluirá actuacións de música tradicional e degustacións e catas deste viño que é xa, sen lugar a dúbidas, un dos produtos máis singulares e definitorios da vila morracense. Con motivo da presentación da programación, o exterior Praza de Abastos de Bueu acolleu este xoves a rolda de prensa na que estiveron presentes Fernando García, presidente da Asociación de Viticultores San Martiño de Bueu e organizador do evento, Félix Juncal, alcalde de Bueu, Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, Xosé Leal, deputado de cultura e lingua, Antonio Portela, vicepresidente da Asociación Galega de Sumilleres, e algúns dos colleiteiros/as.
O presidente da Asociación de Viticultores San Martiño quixo agradecer a colaboración dos entes públicos e privados na aposta por esta festa, que “é a máis especial xa que este ano se aprobou a IXP Ribeiras do Morrazo, que acolle o viño Tinta Femia”. Pola súa banda, Félix Juncal reiterou a colaboración do Concello de Bueu na organización deste evento que recupera un “produto no que se define o amor polo noso”. Nesta mesma idea abondou o deputado de cultura e lingua, Xosé Leal, sinalou que “é importante que sigades pulando pola tradición”.
O evento celebra este ano a décimo quinta edición, tras recuperarse o pasado 2016 despois dun parón de varios anos. O venres ás 20 horas darase o pistoletazo de saída, para dar paso a unha actuación de Manolo e Ramón, un dúo de acordeóns, e pechar coa Foliada a cargo do grupo de gaitas Retrouso de Cela. O sábado será o día grande, e os festexos comezan ás 12.30 horas cun pasarrúas a cargo da Asociación Folclórica Recordos da Nosa Terra. Ás 13.30 entregarase un agasallo a Antonio Portela, Vicepresidente da Asociación Galega de Sumilleres e colaborador da festa, e a continuación Manuel Villanueva, director de contidos de Mediaset España, Telecinco e Cuatro lerá o pregón da festa. Xa pola noite, a festa estará amenizada polo grupo folclórico Vento mareiro.
O domingo, ás 12.30 horas está programada unha cata cega dos catorce viños da festa seguida dunha actuación musical de Retrouso de Cela. Pola tarde, arredor das 19.00 h, entregaranse os premios da cata de colleiteiros e sortearase viño tinta femia e xamón ibérico. E todos os días, se poderá probar o viño, a un prezo de 2 € (a maiores é preciso sumar outros 2 € do custe da copa).