Catro destacados críticos de cine debaterán sobre o seu controvertido oficio no FICBUEU
- Jordi Costa, Jara Yáñez, Sergi Sáchez e Manu Yáñez exercen en publicacións estatais e especializadas como El País ou Fotogramas
As e os amantes da sétima arte teñen nas actividades cinematográficas do FICBUEU o complemento ideal ás proxeccións que se levarán a cabo do 7 ao 15 de setembro. Tal é o caso da charla ‘A crítica de cine’ que se desenvolverá o sábado día 15 ás 11.30 horas no Punto de Encontro, regada cun vermú xentileza de Bodegas Lodeiros. A actividade, con acceso libre e de balde, contará con catro das firmas máis relevantes da crítica cinematográfica española: Jordi Costa, Jara Yáñez, Sergi Sánchez e Manu Yáñez.
As e os expertos, que exercen en periódicos de tirada estatal e en revistas especializadas, achegaranlle ao público o complexo oficio da crítica cinematográfica. Ao tempo, ofrecerán análises diverxentes sobre algúns dos filmes máis controvertidos dos últimos anos no panorama español e internacional, entre eles El árbol de la vida (Terence Malick), Melancolía (Lars von Trier), Carmina o revienta (Paco León), Amor (Michael Haneke) ou Madre! (Darren Aronofsky). O debate estará moderado por Natalia Alonso, redactora xefa de Volvoreta.
Jordi Costa escribe habitualmente en El País e Fotogramas. Ten publicados varios libros, o máis recente Cómo acabar con la contracultura, e comisariou exposicións memorables coma ‘Cultura basura: una espeleología del gusto’, alén de dirixir os filmes Piccolo grande amore e La lava en los labios. Jara Yáñez traballa desde hai unha década na redacción de Caimán Cuadernos de Cine. É ademais profesora no mestrado de Crítica de Cine da ECAM e programadora en festivais coma o Documenta Madrid. Ten publicado libros sobre a produción, a exhibición en versión orixinal ou a curtametraxe española. Femenino plural é o último.
Sergi Sánchez asina como crítico cinematográfico en Fotogramas, La Razón e Time Out Barcelona. Ten colaborado en múltiples publicacións e tamén exerce a docencia. Foi guionista e coordinador do programa ‘Días de cine’ (TVE) e de varios documentais para Canal+, amais de ter publicado varios libros, entre os que se conta Las 100 películas clave de la ciencia-ficción. Manu Yáñez iniciouse na crítica de cine nas publicacións dixitais Miradas de cine e Tren de sombras, ata dirixir na actualidade a web Otros Cines Europa e colaborar con cabeceiras como Fotogramas, El Cultural, Rockdelux ou a norteamericana Film Comment.