Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Bueu reivindica este 8 de marzo a igualdade real entre homes e mulleres

  • Ana Isabel Otero, concelleira de igualdade, deu lectura na concentración feminista deste mediodía á declaración institucional consensuada por toda a corporación
  • Integrantes da Asociación para Persoas con Discapacidade Juan XXIII de Cangas leron un manifesto animando a “alzar a voz polos dereitos das mulleres con discapacidade”

A Praza do Concello de Bueu acolleu este martes, 8 de marzo, a concentración feminista organizada polo Concello de Bueu con motivo do Día Internacional das Mulleres. O acto tivo lugar ás 12 horas e nel Ana Isabel Otero, concelleira de igualdade e benestar social, foi a encargada de dar lectura á declaración institucional apoiada pola corporación municipal. Este texto, que fai fincapé na necesidade de loitar pola igualdade efectiva e real entre mulleres e homes, alerta da necesidade de ofrecer unha resposta coordinada que integre a perspectiva de xénero como fío condutor no deseño de solucións que contribúan a diminuír a crise económica e social que prexudica claramente ás mulleres. Así mesmo, denuncia a preocupación polo aumento da fenda de xénero por mor da destrución e altas taxas de emprego temporal nas mulleres, e incide na urxenciade que se destinen máis recursos xudiciais, asistenciais, económicos e de protección para tentar erradicar as desigualdades. Nesta concentración participaron o alcalde e diversos concelleiros e concelleiras da corporación bueuesa, así como alumnado de colexios da vila e cidadanía en xeral.

A continuación, un grupo de mulleres integrantes da Asociación para Persoas con Discapacidade Juan XXIII de Cangas deu lectura a un manifesto no que apelaron á necesidade de “alzar a voz polos dereitos das mulleres con discapacidade”, para que dispoñan de máis emprego e traballos dignos, se garanta o acceso aos servizos de saúde sexual e reprodutiva, e se cumpra co Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.

Tamén hoxe se difundiu na canle de YouTube do Concello unha cápsula de igualdade, na que Eva Aguayo Lorenzo, profesora de Economía Cuantitativa da USC, e Nélida Lamelas Castellanos, experta en Economía Aplicada da USC, analizan en clave feminista conceptos como «división sexual de traballo», «modelo de familia nuclear», «teito de cristal», «chan pegañento» ou «segregación horizontal e vertical». Este audiovisual foi elaborado con cargo aos fondos do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero e completa os xa estreados con motivo do 25 de novembro, Día Internacional Contra as Violencias Machistas.

Programación 8 marzo

Xa o 11 de marzo continuará o programa coa homenaxe “Bueuesa Senlleira” que promove o Club Golfiños e que este ano recae en Aurita Reiriz Otero. O acto, que se celebrará na Sala Multiusos do Centro Social do Mar, recoñecerá o traballo desta muller como fareira da Illa de Ons e tamén lembrará que foi unha das últimas tocadoras da pandeireta do noso municipio. A homenaxe do Club Golfiños súmase á que xa lle fixera o Concello de Bueu o pasado verán ás pandereiteiras da Illa de Ons.

E como un dos eixes prioritarios de actuación é a cativada, o sábado 12 de marzo está prevista ás 18 horas no Centro Social do Mar a obra de teatro infantil “Conversas con Tana”, un espectáculo destinado a nenos e nenas de 5 a 12 anos, que conta a historia dun granxeiro e a súa cadeliña Tana que manteñen unha fluída e divertida conversa na que reflexionan, con humor e sensibilidade, sobre cuestións relacionadas coa igualdade de xénero, o fomento do hábito lector, o coidado e respecto polo medio ambiente, a saúde etc.

A parte audiovisual será moi protagonista este ano, e por iso, coa colaboración do Cineclub Bueu, proxectaranse no Centro Social do Mar dous filmes de temática feminista: “Hive”, dirixida por Blerta Basholli, poderase ver o 12 de marzo ás 20.00 horas; mentres que o documental “O retorno: a vida despois do ISIS”, de Alba Sotorra, proxectarase o 25 de marzo ás 21.00  horas.

Así mesmo, o Concello programará diversos obradoiros sobre igualdade de xénero destinados ao alumnado dos centros educativos, tanto de primaria como de secundaria.

Xa a finais de marzo, concretamente o sábado 26, o Concello organizará na Sala Multiusos do Centro Social do Mar un acto de recoñecemento público a Isabel Pastoriza Santos, quen recibiu o Premio á Excelencia Investigadora 2021 outorgado pola Real Sociedad Española de Química. Esta distinción insírese dentro dos galardóns que a RSEQ entrega todos os anos, e cos que tamén recoñece noutras categorías a novas e novos investigadores, unha carreira distinguida, a tarefa educativa e divulgativa de docentes de ensino preuniversitarios e colaboracións con outras sociedades.