Bueu prepárase para as Festas do Carme, que se celebran do 14 ao 16 de xullo
- Ao igual que na edición anterior, está programado un Encontro Internacional de Alfombristas, no que se agardan unha ducia de delegacións que elaborarán tapices baixo a temática de ‘O mar e as súas xentes’
A tan só uns días, a vila de Bueu prepárase para vivir unha das fins de semanas máis especiais, coa celebración das Festas do Carme, patroa dos mariñeiros e de gran relevancia para toda a cidadanía. Co obxectivo de presentar a programación, este venres celebrouse no exterior da Praza de Abastos unha rolda de prensa na que estiveron presentes Félix Juncal, alcalde de Bueu, Xosé Leal, concelleiro de cultura, Carmen Santos, presidenta da Asociación de Alfombras de Bueu, e José López, párroco da vila.
Xosé Leal destacou que “somos un pobo de convivencia e que mellor que comezar o camiño do verán cunhas festas con tanta tradición coma estas”. No mesmo sentido falou o alcalde da vila, Félix Juncal, quen animou a gozar deste evento que “une o amor pola terra, o mar e todo o que somos”.
O programa de festexos, organizado pola Asociación Bueu en Festas, comezará o sábado, 14 de xullo, ás 12 horas cunha tirada de fogos e pola noite a verbena estará amenizada polas orquestras Ritmo Xoven e Pasarela. Xa o domingo será o Día dos Dolores, e ás 10 da mañá está previsto un pasarrúas a cargo da Banda de Música de Vilanova de Arousa; seguido dun baile no Eirado da Igrexa a cargo do grupo folclórico Recordos da Nosa Terra. Ás 12 horas será a celebración relixiosa na honra da virxe, cantada pola Coral Polifónica Acordes de Bueu e seguida de procesión. E pola noite, gran verbena coas orquestras Trébol e Compostela.
O luns celebrarase o día grande. A partir das dez da mañá, pasarrúas a cargo da Banda de Música Artística de Bueu e a Banda de Gaitas Manxadoira, dando paso á misa maior que terá lugar ás 12 h con procesión acompañada ata a Lonxa de Bueu, onde durante todo o día se poderán admirar as Alfombras Florais, que farán varias delegacións de distintas zonas.
Ás 18 horas celebrarase a misa maior na Lonxa, cantada pola Coral Maruxía, e posteriormente baile con Retrouso de Cela e procesión marítima con regreso á Igrexa. Xa pola noite a verbena estará amenizada pola orquestra Tango e a tirada de fogos artificiais como peche.
Encontro internacional de alfombristas
Ao igual que o ano pasado, a Asociación Cultural de Alfombras de Bueu colabora nas festas do Carme a través da organización dun Encontro Internacional de Alfombristas, no que participarán unha ducia de delegacións, seis delas pertencentes á Comisión Internacional e outras seis de distintos puntos de Galicia, que elaborarán tapices florais na contorna da Lonxa seguindo unha temática común, sobre o mar e as súas xentes, cuxas dimensións serán de 3,50 m de largo e 7 metros de longo, como mínimo.
As delegacións que participarán son Gamaiore (Italia), La Orotava (Tenerife), Cataluña, Castropol (Asturias), Ponteareas, Redondela, Cangas, Ames, Rianxo, Burela e Moaña, que terán listas as alfombras na madrugada do sábado.
Carmen Santos, presidenta da Asociación de Alfombras, destacou que “os nosos tapices son obras de arte con alma, e achegan un plus de calidade ás Festas do Carme”. Sen dúbida, un evento que “defende a nosa lingua, pobo e tradición”, en palabras do párroco José López.