Bueu lembra a Johan Carballeira e reivindicará a memoria dos veciños que morreron en campos de concentración nazis
- A próxima semana terá lugar a habitual ofrenda floral xunta o monumento de Johan Carballeira e tamén unha charla de Montse Fajardo sobre a represión franquista contra as mulleres
- O Concello solicitará, a petición das familias, uns adoquíns a Alemaña que se colocarán no verán e que lembrarán a José Ferradás Pastoriza e Manuel Rey Cruz, veciños falecidos en Mauthausen – Gusen
Coincidindo coa celebración do 87º aniversario do fusilamento de Johan Carballeira, o Concello de Bueu e a Asociación de Amigos de Johan Carballeira organizan un programa de actos de homenaxe que que se desenvolverán a próxima semana, e cos que se pretende seguir afondando na recuperación da memoria histórica e, nomeadamente, de Johan Carballeira, quen fora alcalde de Bueu, poeta e xornalista.
Precisamente, e con este motivo, hoxe celebrouse unha rolda de prensa no salón de plenos do Concello na que se explicou a programación, así como unha proposta de memoria histórica que reivindica a dignidade e a memoria das persoas bueuesas que estiveron nos campos de concentración nazis. Carmen García, concelleira de cultura, Xosé Novas, da directiva da Asociación de Amigos de Johan Carballeira, e José Manuel Rey, neto de Manuel Rey Cruz, un dos veciños falecidos en Mauthausen.
Carmen García salientou que “é moi importante manter viva a memoria de Carballeira e loitar contra o esquecemento”.
Os actos comezarán o mércores, 17 de abril, coincidindo coa data de fusilamento de Johan Carballeira. Ás 20.00 horas celebrarase a habitual ofrenda floral xunto ao monumento dedicado a Carballeira e que se sitúa na entrada da praia da Banda do Río. Alí, as persoas asistentes lembrarán a este home, que foi alcalde de Bueu antes do golpe de estado do 1936, amais de poeta e xornalista sempre a favor das causas xustas. No monumento depositarase un ramo de flores que lembra o seu fusilamento acontecido o 17 de abril de 1937 no monte da Caeira, en Poio, no mesmo día que outros veciños da vila, caso de Avelino Chapela Soliño e Manuel Chapela Couso, canteiros de A Portela, e Manuel Graña Pouseu, líder do sindicato CNT en Bueu.
O sábado 20, o Centro Social do Mar acollerá ás 12 horas unha charla da xornalista Montse Fajardo sobre a represión franquista contra as mulleres. Fajardo, especialista na memoria histórica sobre todo das mulleres, falará da represión vivida polas mulleres tras o golpe de Estado do 36 en Galiza, onde, é fundamental lembrar, non houbo “guerra” senón un brutal xenocidio sobre o bando perdedor. E é que a diferenza do ocorrido noutras zonas do Estado, as vítimas no noso territorio non pereceron nun campo de batalla, senón que foron asasinadas e sobre elas botouse un manto de silencio que foi especialmente gravoso no caso das mulleres.
Colocación de ‘Stolpersteine’ en memoria dos falecidos no campo de Mauthausen
Continuando cos actos de reivindicación da memoria, o Concello de Bueu solicitará a Alemaña dúas placas Stolpersteine, que está previsto que se coloque no verán xunta o monumento de Carballeira, na Banda do Río, e que lembrarán aos veciños bueueses falecidos no campo de concentración Mauthausen – Gusen.
Os veciños son José Ferradás Pastoriza, veciño de Beluso e falecido o 20 de setembro de 1947, e Manuel Rey Cruz, veciño de A Graña e falecido o 20 de maio de 1947. Precisamente, esta semana as familias presentaron sendos escritos no rexistro do Concello para que dende o consistorio se inicien os trámites con Alemaña.