Bueu inaugura este venres as V Xornadas das Alfombras Florais
-
O programa, organizado pola Asociación das Alfombras do Corpus de Bueu, contará cunha exposición fotográfica, conferencias e gala de homenaxe aos alfombristas
A pouco máis dun mes para a celebración da festividade do Corpus (este ano será o 23 de xuño), dende a Asociación das Alfombras de Bueu, en colaboración co Concello de Bueu e outras entidades, presentan as V Xornadas das Alfombras Florais, que inclúe exposición fotográfica, diversas conferencias e gala de homenaxe a alfombristas. Así o anunciaron na rolda de prensa deste mércores na que estiveron presentes Xosé Leal, concelleiro e deputado de cultura, e Carmen Santos, presidenta da Asociación.
O programa, que se estende ata finais de mes, arranca este venres ás 19 h coa inauguración dunha exposición na Sala Amalia Domínguez Búa na que se recollen fotos do Corpus de Bueu nos anos 80 e 90, para o que se contou coa colaboración de Foto Amando. Ese mesmo día, ás 20 h, a Sala Nobre do Museo Massó acolle a conferencia de Carlos Henrique Fernández-Coto, arquitecto e presidente da Asociación de Defensa do Patrimonio, e que falará sobre o Patrimonio Cultural Inmaterial. A presentación será a cargo de Vicenta Pallarés i Castelló, presidenta da Comisión Xestora Internacional de Entidades de Alfombristas de Arte Efémero, e ao remate terá lugar unha actuación de Emilio Rodríguez Miranda.
O sábado, 11 de maio, as aulas do 2º andar da Praza de Abastos acollerán dous obradoiro de alfombrismo ás 11 e 16.30 h, que serán impartidos por membros da Comisión Xestora Internacional, concretamente Valentina Mammana, mestra Infiorati da Asociación Cultur Arte da Ciudade de Noto (Italia), e Pere Padró Baqués, presidente da Asociación Cultura e Tradición. Neste sentido, Carmen Santos, presidenta da Asociación de Alfombras de Bueu destaca que “é importante que todos os e as artistas que coñecemos en viaxes internacionais veñan á nosa vila”. O concelleiro de cultura quixo expresar o agradecemento ao colectivo “por converter Bueu na capital da arte floral, onde se visibiliza o intercambio de coñecementos e a promoción exterior”.
O domingo será o día máis agardado, pois está programada a Gala Homenaxe aos Alfombristas veteráns, que se celebrará no Centro Social do Mar ás 19.00 horas. Como vén sendo habitual dende fai cinco anos, entregarase un agasallo ás diversas persoas e colectivos que colaboraron dende sempre para manter viva esta tradición que forma parte da cultura popular. Así mesmo, e segundo avanzan desde a Asociación, vanse proxectar vídeos da actividade dos últimos meses.
Entre as persoas homenaxeadas están Israel Otero e Teresa Otero, matrimonio que desde sempre realizaron o tapiz floral da rúa Ramón Bares ou Mari Luz Dopazo Cerviño, quen leva toda a vida confeccionando a alfombra da rúa Pazos Fontenla, tramo das “Casas baratas”. Os outros nomes coñeceranse no propio día do acto.
A festa das alfombras do Corpus de Bueu conta con moita tradición, desde mediados do século XVII, acadando un gran esplendor nos anos 40 e 50 do pasado século. Despois de tanta historia, no 2015 naceu a Asociación Cultural das Alfombras, cun duplo obxectivo: revitalizar esta tradición e levala máis alá das nosas fronteiras. Por iso, dende hai dous anos xa conta co distintivo de Festa de Interese Turístico de Galicia.