Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Bueu homenaxea aos colectivos e familias de alfombristas veteráns

O Centro Social do Mar viviu este domingo, 15 de abril, un momento moi emotivo, pois nel homenaxeouse ás familias e colectivos de alfombristas veteráns que ao longo de moitos anos contribuíron a que esta tradición se mantivese. Na gala, organizada pola Asociación de Alfombras de Bueu, e na que estiveron presentes o alcalde da vila, Félix Juncal, amais do concelleiro de cultura, Xosé Leal, salientouse o traballo das familias Quintela e Estévez, así como o dos veciños e veciñas da parte alta da rúa Eduardo Vincenti, o da parroquia de San Martiño, o do Club Golfiños e o da Asociación da Praza de Abastos.

A presidenta da Asociación, Carmen Santos, quixo lembrar o percorrido durante os catro anos de vida do colectivo, no que se traballou dende diversas ópticas, sobre todo en manter a tradición a través do impulso de talleres para a rapazada e as persoas maiores, e a participación en encontros de alfombristas internacionais, nacionais e locais co fin de dar a coñecer a arte floral por todo o mundo. Tamén interveu no acto Vicenta Pallarés, presidenta do Comité Internacional de Alfombristas de Arte Efímero, quen animou a todos os presentes a colaborar nas alfombras para lograr a declaración de Ben de Interese Turístico Inmaterial pola Unesco. Así mesmo, Pallarés salientou a principal función que teñen as alfombras, e é que “crean comunidade e estreitan lazos”.

O alcalde mostrou a súa satisfacción por este tipo de eventos nos que se remarca a importancia da tradición e do que nos identifica como pobo. Ao remate, os homenaxeados/as foron agasallados cun diploma e unha figura, amais dun clavel, pechándose o acto coa actuación musical a cargo do grupo Médula.

Continúan as xornadas

O alcalde Félix Juncal durante a súa intervención
O alcalde Félix Juncal durante a súa intervención

Para esta semana continúan as IV Xornadas das Alfombras Florais, coa charla homenaxe dedicada ao pintor Xosé Benito Otero Baena, que se celebrará o 20 de abril ás 20.30 horas no Centro Social do Mar, acompañada da música do grupo “Son Trio”. Titulada “Un pintor sen pinceis”, intervirán Covadonga López, directora do Museo Massó, que falará da relación de Otero Baena con Urbano Lugrís; Marta Otero, filla do pintor, que será a encargada de explicar a súa faceta máis persoal, e Beatriz Sal Ildefonso, conservadora do Museo de Pontevedra, que abordará a súa vertente máis artística.

Por último, o 21 de abril clausuraranse estas xornadas cunha charla sobre o Pergamiño Vindel a cargo da profesora e filóloga Mariña Arbor Aldea, acto que se poderá seguir no Museo Massó a partires das 20.00 horas. O punto e final porao o grupo “The Swinging Flamingos”.

A festa das alfombras do Corpus de Bueu (este ano celébrase o 3 de xuño) conta con moita tradición, desde mediados do século XVII, acadando un gran esplendor nos anos 40 e 50 do pasado século. Despois de tanta historia, no 2015 naceu a Asociación Cultural das Alfombras, cun duplo obxectivo: revitalizar esta tradición e levala máis alá das nosas fronteiras. Por iso, dende o pasado ano xa conta co distintivo de Festa de Interese Turístico de Galicia.

PROGRAMA IV XORNADAS ALFOMBRAS FLORAIS