Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Bueu conmemorou este luns o 70 aniversario da Declaración dos Dereitos Humanos

  • Ás 12 da mañá diversas personalidades realizaron unha lectura dos trinta dereitos desde o balcón da Casa Consistorial

O Concello de Bueu converteuse este luns, 10 de decembro, na sede dos Dereitos Humanos a través dos actos organizados pola Asociación Veciñal da Banda do Río e a Asociación Alfombras de Bueu con motivo da conmemoración do 70 aniversario da Declaración dos Dereitos Humanos pola ONU.

A Praza Massó estivo ateigada de rapaces e rapazas dos seis centros educativos de primaria e secundaria da vila, que colaboraron na confección dunha alfombra de entre 60 e 80 metros cadrados construída arredor dun centro conformado polo logo da ONU para a conmemoración da carta dos dereitos humanos, rodeado de seis deseños sacados dos debuxos do concurso escolar celebrado o pasado mes de setembro. Este tapiz completouse con trinta figuras de origami, imitadoras das esculturas da “Enlightned universe» (Universo iluminado), unha creación de Gabarrón para celebrar o aniversario da ONU, e que se inaugurou en Nova York en 2015.

Aínda que esta efeméride xa se leva celebrando na vila morracense desde o mes de setembro deste ano co taller impartido polo artista internacional Cristóbal Gabarrón e as exposicións dos debuxos en diversos espazos públicos, o certo é que este acto actúa como peche dun ano no que a defensa dos dereitos humanos foi protagonista.

Ás 12.00 h comezou no salón de plenos unha lectura dos trinta dereitos humanos a cargo de diversos persoeiros, entre os que destacan Álvaro Pino, ciclista e promotor de iniciativas de deporte inclusivo, Oriana Méndez, poeta, Laura Díaz Pines, da Asociación Juan XXIII, Silvia García, Decana da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, Arturo Sánchez Cidrás, cronista de Bueu, Rosmy Gabarrón, filla do artista Cristóbal Gabarrón, Manuel Golmayo, presidente de Cáritas Bueu, Marc Taeger, ilustrador bueués, Pepe Solla, cociñeiro e membro do grupo Nove, Benigno de la Torre, redactor xefe do Faro de Vigo, Suso Portela, subdirector do Faro de Vigo, Iris Fazanes Barreiro, representante de diversidade no entorno familiar, Manuel Pérez, presidente de Down Pontevedra, Carlos Gómez, membro da Asociación Veciñal da Banda do Río, Manuel Estévez, do Club de Xubilados Vila de Bueu, Xosé Novas, presidente da Asociación de Amigos de Johán Carballeira, Silvia Pérez Freire, socióloga e voceira da Rede Galega contra a Trata, María Loira, odontóloga bueuesa, Uxía Senlle, cantante galega, Marta Díaz, traballadora de ACNUR, Loli Docampo, xestora de proxectos culturais, Rodrigo Portela, pianista local e gañador do Certame Novos Talentos, Begoña Cerqueiro, presidenta de Apropark, Lucía Couso, directora do Centro de Día Contigo, Míriam Ferradáns, poeta bueuesa, José López Moldes, párroco bueués, Yoli e David Gil, representantes de Discamino, Manuel Morquecho, responsable da área de extensión cultural Campus Crea da Universidade de Vigo, Montserrat González, directora do CIM de Bueu, Lidia Fazanes, traballadora do CIM de Poio, Xosé M. Bacelar, membro da Asociación da Banda do Río, Celia Fernández Requejo, membro de Adicam, José Mª Barreiro, pintor afincado en Bueu, Ángela Villanueva, directora do Centro de Día Pescadoira, e Carmen Santos, presidenta da Asociación Cultural de Alfombras de Bueu, e os representantes dos centros educativos da vila.

O alcalde da vila foi o encargado de dar lectura ao último dereito, e destacou que “O pobo de Bueu ten que sentirse orgulloso de celebrar esta efeméride, na que debemos apostar decididamente por esa parte humana que nos une”. Nos actos colaboraron o Concello de Bueu, a Deputación de Pontevedra, a Fundación Gabarrón, así como os seis centros educativos da vila, e a Asociación Juan XXIII de Cangas, desde a que se prepararon xogos e actividades ao aire libre.