Bueu acollerá a próxima semana o SonRías Baixas, un festival totalmente seguro e adaptado á Covid-19
- O festival encherá de música o Recinto da Estacada entre o 3 o 8 de agosto, con artistas como Kase.O, La Pegatina, TravisBirds, Muerdo, Tu Otra Bonita, Sés, TéCanela, Ciudad Jara, La M.O.D.A., ISEO & Dodosound, Sabela e SonDaRúa
- Xosé Leal e Silvia Carballo, edís do goberno local bueués, participaron este xoves na rolda de prensa do evento e na reunión do comité de seguridade
Xosé Leal, concelleiro de cultura, e Silvia Carballo, edil de promoción económica e turismo, participaron este xoves na presentación do SonRías Baixas, que tivo lugar pola mañá na praia da Banda do Río. A catro días do inicio do festival, Leal salientou que “o máis importante nos tempos que vivimos é que a cultura é segura porque hai profesionais que participan na elaboración dos protocolos de seguridade”. Precisamente, e previa á rolda de prensa do festival, a organización e os edís municipais mantiveron unha reunión cos responsables da Policía Local e da Garda Civil para concretar o plan de seguridade e de tráfico entre o 3 e o 8 de agosto.
Leal apelou á empatía e solidariedade, “pois temos que ser conscientes de que esta pandemia afectou de forma considerable a certos sectores, e tanto dende as administracións como dende a sociedade debemos saír na súa defensa”.
Jacobo Sutil, director da AGADIC da Xunta de Galicia, fixo fincapé na “capacidade de resistencia do sector cultural que soubo reinventarse”. Pola súa banda, Ana Laura Iglesias, deputada de turismo da Deputación de Pontevedra remarcou que “os encontros sociais en torno á música son esenciais, e que é importante a existencia deste SonRías que se adapta ás circunstancias sen perder a esencia e a conexión co territorio”.
O programa deste ano conta con seis sesións nocturnas, con dous directos cada noite, coa intención de poder achegar ao público unha experiencia festivaleira próxima, divertida e, fundamentalmente, segura. O ciclo, que cumpre en todo momento a normativa sociosanitaria vixente en Galicia, conta cun protocolo covid-19 propio coordinado polo Servizo Galego de Saúde (SERGAS) e que garante a seguridade do público durante a súa celebración.
Así, o Recinto Multiusos da Estacada, sede habitual do festival, estará sectorizado, con equipamentos independentes en cada zona, e con circuítos de percorridos sinalizados. Tal e como expuxo Jordi Lauren, codirector do festival, o espazo contará con tres zonas diferenciadas, en función do prezo da entradas (29, 26 ou 23 euros, en función da distancia co escenario); e cada unha delas estará dividida en sectores que contarán con servizos (aseos, barra, zona de recarga e punto de merchandising). Estes equipamentos independentes terán unha capacidade, como máximo, de 500 persoas. Os accesos ao recinto estarán regulados e todas as asistentes recibirán as indicacións pertinentes sobre como acceder ás zonas e sectores a través de correo electrónico, ademais de poder consultalo na web ou seguir as indicacións que se facilitarán a través das redes sociais.
Todo o recinto contará con sinalización específica, ademais de recomendacións e indicacións para o tránsito e a convivencia segura no espazo; e o persoal da organización poderá achegar información ante calquera tipo de dúbida. Deste xeito, SonRías garantirá que o público transite unicamente por espazos sinalizados (que se corresponden á contorna das súas entradas preasignadas), respectando en todo momento as indicacións das autoridades sanitarias e facilitando o cumprimento do protocolo sanitario, que contará, momento de celebración dos concertos, co visto e prace de Sergas.
Toda a información pódese consultar na páxina web do festival ou nas redes sociais.