Bueu celebrou este mércores a primeira reunión da Mesa da Sanidade
- A segunda praza de pediatría do Centro de Saúde da vila formará parte da próxima Oferta Pública de Emprego
- A mesa reunirase cada dous meses co obxectivo de tratar sobre a situación da sanidade
A Mesa Local da Sanidade de Bueu inaugurouse este mércores, 16 de outubro, no salón de plenos da Casa Consistorial para debater sobre a situación da sanidade, sobre todo na tempada estival, e a vacante da segunda praza de pediatría. Estes foron os dous temas principais dun debate que se prolongou máis de dúas horas, e no que estiveron presentes o alcalde da vila, Félix Juncal, o director da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) Pontevedra – Salnés, José Manuel González, os voceiros dos grupos políticos municipais, profesionais do Centro de Saúde da vila, e representantes de asociacións veciñais.
A mesa, que serviu para poñer de manifesto as eivas do sistema sanitario e os problemas derivados da falta de facultativos, chegou a tres conclusións. A primeira, e a que preocupa con maior urxencia dada a situación actual, é que a segunda praza de pediatría (vacante tras a marcha da profesional que a ocupaba en comisión de servizos) formará parte da próxima Oferta Pública de Emprego (OPE); a segunda, que desde todas as instancias se debe realizar un esforzo para reforzar o PAC e o resto de servizos de atención primaria na tempada estival, cando case se duplica o número de persoas da vila bueuesa; e, por último, que a mesa se reunirá cada dous meses a fin de tratar diversos asuntos que vaian xurdindo en relación coa sanidade e a xestión da mesma. Félix Juncal salientou que “hai un problema grande coa sanidade, que ten que ver coa precariedade, debida á contratación temporal, e á falta de recursos, de equipamento e de persoal”.
A creación deste órgano multidisciplinar foi unha decisión acordada nunha Xunta de Voceiros celebrada no verán, tal e como recordou o alcalde da vila. O director da EOXI valorou positivamente a convocatoria xa que “é importante que as diversas institucións se escoiten”, e explicou que “o principal problema que temos é que non existen profesionais na lista de contratación”.
O rexedor aproveitou esta xuntanza para informar de que o Concello está xestionando os trámites previos para a cesión do Centro de Saúde ao SERGAS, o que permitiría que a Xunta de Galicia se fixese cargo dos custes de mantemento, tal e como acontece noutros concellos.