Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Bueu celebra esta fin de semana as Festas do Carme e das Dores cun gran espectáculo pirotécnico e un barco para a procesión mariñeira

O Concello de Bueu celebrará esta fin de semana as tradicionais Festas do Carme e das Dores e recupera a programación previa á pandemia, con algunhas novidades importantes. Precisamente, un dos eventos dos que poderá gozar a veciñanza é o gran espectáculo pirotécnico previsto para este sábado á media noite na contorna da praia da Banda do Río, e no que o Concello leva traballado nas últimas semanas para melloralo e conseguir contar con todas as autorizacións pertinentes que certifican o establecemento de protocolos de seguridade. Estes fogos de luces poderán verse entre un pase e outro da orquestra Ipanema no exterior do Centro Social do Mar, e dende o consistorio anímase a toda a cidadanía a gozar dun espectáculo único.

Pero non será esta a única novidade, senón que o Concello xestionou un catamarán para que a veciñanza xa inscrita durante esta semana poida asistir á procesión marítima que sairá da lonxa arredor deste sábado ás 18.30 horas, e coa que se ofrece unha alternativa para gozar dun percorrido ao que as xentes da vila teñen moita devoción, por tratarse dunha procesión na honra da virxe do Carme, patroa do mar.

Programa de eventos

O programa das festas arranca o sábado ás 12 horas, cando haberá misa na Igrexa Parroquial de San Martiño con posterior procesión ata a lonxa na compañía da Banda de Gaitas Manxadoira e a Banda de Tambores. Xa pola tarde, os oficios relixiosos desenvolveranse na lonxa a partir das seis, nunha misa que estará presidida pola imaxe principal da Virxe do Carme e outra talla de porcelana que foi doada recentemente por D. Juan Veiga á Confraría de Pescadores San Martiño de Bueu. Pola noite, o exterior do Centro Social do Mar acollerá a verbena coa orquestra leonesa Ipanema, que se dividirá en dous pases polo espectáculo de pirotecnia dende a praia da Banda do Río.

Ao día seguinte, coincidindo coa festividade das Dores, ás 11.00 horas actuará a charanga “A cabesa non para”, e a continuación terán lugar os oficios relixiosos na igrexa parroquial.

Como peche de verbena e de semana, o programa Musigal da Deputación de Pontevedra fai posible a actuación da artista Guadi Galego no exterior do Centro Social do Mar.

Ademais, a zona das Lagoas acollerá atraccións para que a cativada poida gozar destas festas, tal e como se fixo nas recentes festas do Corpus.

Xuntando deporte, concienciación medioambiental e cultura mariñeira, o propio sábado celebrarase a XII Travesía a Nado Udra – Pescadoira, organizada polo Club de Atletismo Corredoiras e o Concello, e coa que se pretende concienciar sobre a necesidade da rexeneración do areal urbano de Pescadoira. Como xa é habitual, haberá tres saídas con diversas distancias: unha dende Ancoradouro con 7500 metros, outra dende Mourisca con 4000 metros, e a última dende Beluso con 1500. E tampouco se pode esquecer que ese mesmo día, no Campo da Estacada, celebrarase o Campionato de Drons Bueu GP 200, promovido polo Aero Dron Club Bueu e no que haberá exhibicións e competicións de drons nas que participan moitas persoas do territorio nacional.