Bueu celebra as IV Xornadas Gastronómicas en Feminino que homenaxean as mulleres cociñeiras da vila
- Un total de quince locais de hostalaría da vila participan nesta campaña de tapas que se desenvolverá do 2 ao 8 de marzo
O Concello de Bueu e a hostalaría da vila organizan do 2 ao 8 de marzo as “IV Xornadas gastronómicas en feminino Bueu”, unha iniciativa que busca poñer en valor o papel das mulleres na cociña. Nesta ocasión, serán un total de quince locais da vila os que crearán as súas propias tapas para sorprender ao público.
Os locais hostaleiros que participarán este ano son A Centoleira, A Cepa, Baiuca, Casa Benito, Casa Quintela, Casa Videira, Esmorga, Noite Tapas, O Farol, O Ratiño Pequeno, Pyramis, Reloj, Tapería Canas, Tiembla Maruxa e Volver. Estes establecementos ofrecerán tapas a un custe de 3.50 €, nas que homenaxearán a cociña tradicional.
A iniciativa busca visibilizar o papel das mulleres cociñeiras, que constitúen máis do 80% das cociñas de restauración, ademais de seguir dinamizando a gastronomía da vila, que é unha das máis potentes da comarca.
Como colofón, o próximo domingo, 8 de marzo, organizarase ás 18.30 horas no salón de plenos da Casa Consistorial unha homenaxe conxunta a dezasete cociñeiras de locais hostaleiros impulsados nos anos 70 e 80 e nos que as cociñas estaban dirixidas por mulleres.
