Bueu acollerá o festival solidario ‘Art for change’
- O evento, promovido polo IES Johán Carballeira, celebrarase o 30 de abril e ensamblará a ciencia coa arte na rúa
- O alumnado de 1º de bacharelato e profesorado do centro mantiveron este luns unha reunión co alcalde e co concelleiro de ensino
Bueu será escenario o próximo 30 de abril do Festival Solidario Artístico Art For Change, que promove o IES Johán Carballeira no marco do proxecto Twinning Oceans of Culture, Culture Os Oceans (OCCO). Precisamente, este luns, o alumnado de 1º de bacharelato e o profesorado mantiveron unha reunión con Félix Juncal, alcalde da vila, e Xosé Leal, concelleiro de ensino.
Co mar como eixo central, o obxectivo do centro é levar esta experiencia a diversos puntos do municipio con varias liñas de actuación. Así, preténdese que a arte e a ciencia estean nas rúas, fomentando a creatividade do alumnado, e tamén visibilizar o papel das mulleres na arte e na ciencia. O evento contará, así mesmo, cunha parte solidaria, pois Art For Change nace cun gran obxectivo: apadriñar unha balea. Segundo explican dende o centro “isto significa moito máis que poñer un nome, o apadriñamento é unha forma simbólica de colaborar cos proxectos de investigación e formación que contribúen á ampliación do coñecemento sobre a conservación da biodiversidade mariña”. Así pois, o beneficio obtido repartirase da seguinte maneira: 300 € será doado a BDRI, un centro de investigación do medio mariño, dedicado ao estudo e á conservación da biodiversidade mariña. O resto da recadación farano chegar a «Pallasos sen fronteiras».
Art For Change ten como finalidade apoiar entidades culturais e artísticas que queiran desenvolver proxectos que impliquen a participación de colectivos en situación de vulnerabilidade ou persoas dunha mesma contorna, co obxectivo de favorecer os procesos de transformación social a través do arte e da cultura.
Dende o IES Johán Carballeira convidarase aos centros do municipio e posiblemente a outros das comarcas próximas para que poidan unirse á iniciativa. As opción para poder facelo son variadas, e van dende actuacións musicais, representacións teatrais, postos de arte ou de ciencia, obradoiros de danza, de música, de gastronomía mariñeira.