Bueu acollerá o 9 de maio o ‘Talent for change’, un festival centrado no talento
- O evento, que nace dende o IES Johán Carballeira coa colaboración do Concello de Bueu e dos centros educativos da contorna, celebrarase o 9 de maio e servirá para poñer en valor o talento a través de diversas iniciativas
- Alumnado de 4º de ESO e profesorado do centro mantiveron este martes unha reunión coa concelleira de cultura
Bueu será o escenario o próximo 9 de maio do Festival Artístico Solidario Talent For Change, que promove o IES Johan Carballeira coa colaboración do Concello de Bueu e dos centros educativos da contorna, e que estará centrado na posta en valor dos nosos talentos e como potencialos, non só para beneficio propio senón tamén para a sociedade. Precisamente, este martes, o alumnado de 4º da ESO e o profesorado mantiveron unha reunión con Carmen García, concelleira de cultura, mocidade, infancia e normalización lingüística, para expoñer as necesidades de cara a este evento que tivo unha gran acollida en anos anteriores, e que xa se atopa asentado no calendario.
Nesta edición, que vén con cambio de nome (nas catro primeiras chamábase ‘Art for Change’), difundiranse as investigacións e os traballos do alumnado bueués, baixo a temática do talento coa elaboración dun documental que recollerá entrevistas a persoas vinculadas á vila relacionadas co ámbito sociocultural. Agora mesmo atópanse en pleno proceso de planificación para o que contan con toda a comunidade educativa do municipio e outras entidades.
O evento terá tamén unha parte solidaria, a través da recadación de fondos para apoiar a entidades sociais da contorna. Neste caso serán a Asociación Inventiva, destinada a cubrir as necesidades da infancia e xuventude con inquedanzas intelectuais, talentos ou altas capacidades da provincia de Pontevedra; e Ruído de Fondo, un colectivo da comarca para promover e difundir a cultura e o ocio alternativo do Morrazo xerando novos espazos de encontro.
Entre as actividades propostas para o festival, xa se poden avanzar unha obra de teatro, alfombra floral, experimentos, exhibicións, micro aberto de música e poesía, actividade con lentes de realidade virtual e outra de drons, obradoiros, escape room, batucada e concertos de grupos emerxentes.
Nesta edición, e como novidade, creouse como mascota un ourizo cacho que foi elixida por toda a comunidade educativa de Bueu debido a que é un animal que representa a sabedoría e a curiosidade, así como a resiliencia e a fortaleza.
O Festival Art For Change naceu no curso 2021/2022 como parte dun proxecto Eramus+ chamado “Oceans of Culture, Culture Of Oceans”, no que se analizou xunto a outros seis países europeos como vivir a carón do mar enriquece e transforma a vida nas vilas mariñeiras. O proxecto tomou como referencia a Feira da Ciencia e da Literatura organizada en anos anteriores polo mesmo instituto.
O Concello leva dende o comezo apoiando este festival porque é un espazo de dinamización de propostas coa mocidade como protagonista.