Bueu acolle este sábado a IX Bandeira de Bateis coa participación de doce clubs
O peirao de Bueu dará a saída este domingo, a partir das 10.30 horas, á IX Bandeira Concello de Bueu de Bateis, organizada polo Concello de Bueu e o Club do Mar de Bueu- Teccarsa. Esta actividade, que xa vén sendo unha proba clásica no calendario de regatas de Bateis da Zona Sur, e terá o formato de regata en liña, en quendas lanzadas na mesma categoría, cun minuto de intervalo, e con cinco minutos entre as distintas categorías. Así o destacaron na rolda de prensa celebrada esta xoves, Manolo Otero, concelleiro de deportes, Félix Juncal, alcalde da vila, e Rosa María Carballo e Javier Pazos, da directiva do Club organizador.
Nas probas tomarán a saída primeiramente as regatas de categoría feminina (Alevín Feminina, Promesa Feminina, Xuvenil Feminina, Absoluta Feminina) e a continuación desenvolveranse as regatas de categoría masculina (Alevín Masculino, Infantil Masculino, Cadete Masculino, Xuvenil Masculino, Senior Masculino). En total participarán doce clubs e arredor de catrocentos rapaces e rapazas. Concretamente competirán polas bandeiras feminina e masculina os clubs de Vilaxoán, Amegrove, Mecos, Club do Mar de Bueu, Tirán, Meira, Cesantes, Chapela, Vila de Cangas, A Guía, Coruxo e Robaleira.
Como premios, establécense dúas bandeiras, unha para a categoría feminina e outra para a categoría masculina, para os clubes que acaden maior puntuación nas diferentes regatas de cada categoría. Ademais, este ano hai un sorteo especial, entre as persoas que mercaron rifas para axudar á compra da nova “Maruxía”. O sorteo será ás 12.00 horas, e inclúe un 1º premio consistente nunha cea ou xantar para dúas persoas no Restaurante Estrella, un 2º premio no local de La Perfecta, e un 3º para o Noite Tapas.
Este tipo de regatas son unha boa forma de forxar a canteira dos clubes de remo, e son a base para ter remeiros de elite neste deporte. Neste sentido falaron de que estas probas funcionan como “pedra de toque” para que os rapaces e rapazas vaian mellorando a súa técnica de cara a regatas importantes.