Bea Sotelo inaugurou as ‘I Xornadas Gastronómicas en Feminino’ que homenaxean ás cociñeiras da vila
- A iniciativa pretende reivindicar as mulleres cociñeiras da vila con motivo do Día Internacional das Mulleres ao tempo que se pon en valor a calidade da hostalaría local
- Un total de trece locais de hostalaría da vila participan nesta campaña que se desenvolverá dende este mércores, 8 de marzo, ata o domingo 12
O salón de plenos acolleu este mércores, 8 de marzo, pola mañá, a presentación das I Xornadas Gastronómicas en Feminino Bueu, un acto co que o Concello de Bueu, a Asociación de Hostalaría da vila e Fecimo queren reivindicar o papel das mulleres cociñeiras con motivo do Día Internacional das Mulleres. Así, dende hoxe e ata o domingo 12 de marzo, trece locais hostaleiros ofrecerán tapas inspiradas na cociña de Bea Sotelo, que é a cociñeira homenaxeada nesta primeira edición e que se elixiu pola súa visibilización das mulleres na alta cociña.
Este mércores tivo lugar o acto de presentación no que a propia Bea Sotelo ofreceu unha demostración gastronómica na que elaborou uns petiscos de xurelo encurtido e torta de Santiago. A cociñeira, natural da localidade marinense, lembrou os seus comezos no restaurante A Centoleira de Bueu, motivo polo cal agradeceu este acto ao tempo que salientou que “é importante destacar o labor das mulleres non só na cociña senón en todos os ámbitos”. Na mesma liña interveu Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, quen definiu a Bea Sotelo coma “unha das nosas mulleres pioneiras, e necesitamos reivindicar que nós tamén podemos ter postos de responsabilidade”. Tamén Félix Juncal, alcalde da vila, aludiu a que “todas as persoas deberiamos asomarnos un pouco máis aos fogóns porque así veriamos a vida dunha forma máis humana”, ao tempo que lembrou “a todas as mulleres, ás nosas nais e avoas, que nos transmitiron unha forma de ser e de sentir e que hoxe reivindicamos”.
Pola súa banda, Antonio Rosales, en representación da Asociación de Hostalaría de Bueu, explicou o xerme desta iniciativa que busca visibilizar o papel das mulleres cociñeiras, que constitúen máis do 80% das cociñas de restauración, ademais de seguir dinamizando a gastronomía da vila, que é unha das máis potentes da comarca. Rosales fixo fincapé en que “quen trouxo a cociña ata a actualidade son as mulleres, polo que é un acto de xustiza loitar pola igualdade”. De feito, como o principal obxectivo é sacar ás mulleres das cociñas de Bueu fóra e poñerlles cara, polo que nas redes sociais do Concello e na web se están publicando fotos dos equipos de cada local participante, ademais das tapas.
Os locais que participan nesta edición son Buena Vibra, Casa Benito, Noite Tapas, O Ratiño Pequeno, La Zarzamora, Pyramis, Vinoteca A Cepa, A Centoleira, Esmorga, Aturuxo Bar, Morriña, Restaurante Casa Quintela e O Farol, que ofrecerán tanto ao mediodía como á noite tapas a un custe de 3.50 €, nas que expresarán o seu coñecemento da cociña de Bea Sotelo.
Toda a información sobre esta iniciativa pode verse na web municipal www.concellodebueu.gal.