Avanzan a bo ritmo as obras de pavimentación, abastecemento e saneamento no Camiño Vello da Graña
- Félix Juncal visitou esta semana os traballos que, se a climatoloxía o permite, remataranse a finais de marzo, e permitirán solucionar tamén varios problemas relacionados coas augas
- A empresa COVSA é a adxudicataria deste contrato que conta cun importe de 85.671,82 € e que se financia con cargo ao Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra
Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Alfredo de la Campa, arquitecto técnico municipal, visitaron esta semana as obras no Camiño Vello da Graña, xunto ao responsable da empresa adxudicataria, Construcciones, Obras y Viales SA (COVSA). Segundo salienta o rexedor, os traballos, que comezaron hai un mes, “avanzan a bo ritmo e ocasionando as mínimas molestias á veciñanza, polo que é probable que poidamos rematar a mediados de marzo, tal e como previamos”.
Segundo puido comprobar o alcalde nesta visita, actualmente xa se instalou a nova tubería de abastecemento e tamén as de pluviais no primeiro tramo do camiño, quedando pendente a parte alta, onde as cunetas de substituirán por tubos pechados para mellorar o ancho do vial en zonas estreitas. Nos próximos días, o alcalde poñerase en contacto con FCC Aqualia, empresa encargada do servizo de abastecemento e saneamento de augas, para que proceda á renovación das acometidas da tubería antiga á nova, para que quede todo perfectamente previsto antes de proceder coa última fase, que inclúe o asfaltado integral do camiño.
Esta actuación conta cun orzamento total de 85.671,82 € e finánciase con cargo ao Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra. Segundo apunta Juncal, “vai supoñer unha mellora importante para a veciñanza do lugar e poderemos resolver moitos problemas que se viñeron detectando nos últimos anos”. Así mesmo, vaise estudar a posibilidade de aproveitar a auga dese manancial para habilitar unha fonte pública, para o que previamente se realizará unha analítica co obxectivo de comprobar que as augas cumpren coas condicións hixiénico – sanitarias. Do mesmo xeito, as obras permitirán corrixir os verquidos de augas residuais coa substitución de colectores, e vai supoñer unha regularización de pequenos sobreanchos do trazado do vial que se arranxará con aglomerado asfáltico e se homoxeneizará.
A continuación, o goberno local aproveitará para reparar o vial que se atopa un pouco máis abaixo e que se coñece co nome de “Canexa do Rei”, no que tamén se corrixirá a problemática das augas existentes e se reparará a capa de rodadura.