As obras de axardinamento da contorna da igrexa avanzan a bo ritmo
- O goberno local agarda que a actuación estea rematada entre finais de febreiro e comezos de marzo, e con ela ampliaranse os espazos de lecer e esparexemento para a cidadanía
As obras de axardinamento da igrexa de San Martiño de Bueu retomáronse despois do Nadal e avanzan a bo ritmo, co obxectivo de que poidan estar rematadas entre finais de febreiro e comezos de marzo. Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, realizaron esta semana unha visita ao lugar para ver os traballos que está acometendo a empresa Construcciones Castro Figueiro SLU, cun orzamento de adxudicación de 116.909,29 €, IVE engadido.
Dende hai anos, o espazo exterior da igrexa, onde se situaba o antigo cemiterio municipal, atopábase sen ningún aproveitamento e nun estado de abandono, de aí que o goberno local decidise apostar por un proxecto que busca poñelo en valor a través dunha solución integral e transformadora. Así, a empresa está comezando a construír un muro de contención superposto ao actual na zona próxima ao vial do Valado e unhas escaleiras que conectarán con esa zona e que permitirán dispoñer de dúas áreas de miradoiro a distintos niveis. Tamén se vai manter o panteón existente e as árbores actuais, e crear un miradoiro ao norte aproveitando a zona do muro perimetral parcialmente derruído.
O proxecto contempla ofrecer unha solución ao desnivel entre a parcela e o atrio da igrexa cun muro banco, e actuar na parcela a través de elementos de tratamento superficial como axardinamento, trazado de sendeiros perimetrais con acabado en xabre consolidado e o sendeiro central e a zona do miradoiro pavimentados en pedra, con pendentes variables que se adapten á topografía actual do terreo. Por último, colocaranse tres bancos na zona do miradoiro e outros tres no sendeiro interior da zona axardinada, e executaranse as instalacións de saneamento, alumeado, recollida de pluviais e rego.
O Concello pretende seguir actuando nos espazos verdes para ofrecer alternativas de lecer á cidadanía, tal e como se conseguirá con esta obra que se financia con cargo ao Plan Concellos 2021 da Deputación Provincial de Pontevedra.