Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

As ‘I Xornadas Gastronómicas en Feminino Bueu’ visibilizan o papel das mulleres cociñeiras

  • Un total de trece locais de hostalaría da vila participan nesta campaña que se desenvolverá do 8 ao 12 de marzo
  • A iniciativa pretende reivindicar as mulleres cociñeiras da vila con motivo do Día Internacional das Mulleres ao tempo que se pon en valor a calidade da hostalaría local

O Concello de Bueu e a Asociación de Hostalaría da vila, coa colaboración da Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (Fecimo), organizan do 8 ao 12 de marzo as “I Xornadas gastronómicas en feminino Bueu”, unha iniciativa para poñer en valor o papel das mulleres na cociña. Coa vista posta no 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, un total de trece locais da vila crearán as súas propias tapas inspiradas na cociña de Bea Sotelo, unha cociñeira natural da comarca do Morrazo que conta cunha Estrela Michelín e que é todo un referente a nivel culinario, e que destaca polo seu labor de visualización da muller na cociña.

A iniciativa busca visibilizar o papel das mulleres cociñeiras, que constitúen máis do 80% das cociñas de restauración, ademais de seguir dinamizando a gastronomía da vila, que é unha das máis potentes da comarca. Tal e como salientan dende a organización, “o que buscamos é sacar ás mulleres das cociñas de Bueu fóra e poñerlles cara, que saían da invisibilidade”.

Os locais que participarán son Buena Vibra, Casa Benito, Noite Tapas, O Ratiño Pequeno, La Zarzamora, Pyramis, Vinoteca A Cepa, A Centoleira, Esmorga, Aturuxo Bar, Morriña, Restaurante Casa Quintela e O Farol, que ofrecerán tanto ao mediodía como á noite tapas a un custe de 3.50 €, nas que expresarán o seu coñecemento da cociña de Bea Sotelo. Con orixes na aldea marinense de Ardán, Bea Sotelo practica  unha cociña avanzada aínda que de inconfundible raíz galega, e baseada no máis sinxelo dos principios, o produto fresco e de calidade.

Ao longo dos próximos días, o Concello de Bueu irá desvelando nas redes sociais Instagram e Facebook tanto os nomes e fotografías das tapas como os equipos das cociñas dos locais participantes. Así, a campaña está deseñada para xerar un gran impacto visual e chegar a moitas franxas de poboación, co fin de unir a gastronomía e os produtos locais coa igualdade entre mulleres e homes.