Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

As freguifestas trasládanse este sábado á Illa de Ons

  • Os actos terán lugar na contorna de Curro, e incluirán ruta fotográfica, concerto de música galega, espectáculo infantil e ruada

  • Ás 13.30 h homenaxearase a Victoria López López e Cesáreo Pérez Patiño, e a Arturo Dios Otero, este último postumamente

A recuperación por parte do Concello de Bueu das festas populares no rural bueués continúa o próximo sábado, 18 de agosto, na Illa de Ons, cun programa festivo e de homenaxe á veciñanza que tanto fixo pola comunidade, e no que colabora a Asociación Cultural PineirOns. O programa arrancará ás 11 da mañá cunha ruta fotográfica desde o porto ata a zona de Curro con Servando e Contradança, e a compañía da fotógrafa bueuesa Alba Sotelo, quen coordinará a recreación dunha foto antiga, elemento estrela destas freguifestas que percorreron nas semanas previas Ermelo e Beluso, e que se pecharán a finais de mes en Cela.

Xa na contorna de Curro, ás 12.30 horas Maravallada ofrecerá un concerto de música galega para dar paso a continuación ao homenaxe a Victoria López López, Cesáreo Pérez Patiño, que levan vivindo toda a vida na Illa e Arturo Dios Otero, este último postumamente, por ser o organizador das Festas de San Xaquín.

Dado que un dos obxectivos destas freguifestas é o de fomentar hábitos sostibles, pola tarde, os máis pequenos e pequenas poderán gozar do espectáculo infantil “Contos para coidar a terra” da man do grupo Touporrotou co que reflexionarán sobre o medio ambiente, e rematarase cunha ruada a cargo de Servando e Contradança.

O concelleiro de cultura, Xosé Leal, lembra que o Concello ten operativa a páxina web www.freguifestas.gal na que se poden ver todas as fotografías antigas que se están recompilando no marco deste proxecto coa colaboración veciñal, e na que tamén estarán as actuais. As persoas interesadas en achegar material gráfico para documentar a evolución das festas poden acudir ao Concello ou ben escribir aos correos electrónicos comunicacion@concellodebueu.gal, e freguifestas@gmail.com.

E máis festa

A veciñanza da Illa tamén colabora de xeito activo nesta festa coa organización de diversos eventos na fin de semana. O sábado de 21.30 a 23 horas, actuará o DJ Toño e a partires das 23.30 h, Raul & Cía. O domingo pola mañá, ruada coa charanga A cabeza non para e oficios relixiosos por San Xaquín e Santa Ana a partir das 13 horas.