Arranca en Bueu o programa formativo da IXP Ribeiras do Morrazo
Este venres 22 de marzo comezará nas instalacións da biblioteca de Beluso de Bueu unha nova edición do programa formativo “PROFESIONALIZACIÓN E DESENVOLVEMENTO DA VITICULTURA NA IXP RIBEIRAS DO MORRAZO (2019)” de 71 horas lectivas organizado polo GDR Pontevedra Morrazo. O contido temático da sesión formativa deste venres é de carácter introdutorio e versará sobre as boas prácticas, a responsabilidade social e a sustentabilidade na vitivinicultura e os aspectos normativos para a xestión da viña e a adega, controis etc dentro da IXP . A sesión terá unha duración de 4 horas de 16:30h. A 20:30h.
Dende 2017, o Grupo de Desenvolvemento Rural Pontevedra Morrazo, que xestiona a medida Leader 2014-2020, está a desenvolver un programa formativo para a profesionalización e desenvolvemento da viticultura na indicación xeográfica protexida Ribeiras do Morrazo.
Nos anos 2017 e 2018 realizáronse accións formativas diversas orientadas a reforzar o empoderamento do sector de viticultores e adegueiros da zona comprendida na IXP Ribeiras do Morrazo, así como a súa profesionalización e capacitación técnica, fortalecendo deste xeito á propia figura ou selo de protección da calidade.
Nesta anualidade 2019, preténdese continuar a formación cunha proposta que afonda na sustentabilidade e boas prácticas na viticultura e enoloxía, con referencias a modelos de viticultura integrada e/ ou ecolóxica e explorando actuacións de carácter colaborativo entre as propias IXP de viño de Galicia e de funcionamento cooperativo.
A proposta de contidos didácticos para a IXP Ribeiras do Morrazo a desenvolver durante o período contemplado (marzo a xuño de 2019) contempla 16 accións formativas (13 xornadas formativas no territorio da IXP e 3 visitas temáticas fóra) cunha duración total de 71 horas lectivas.
Os cursos contemplados no plan formativo son totalmente gratuítos para os seus participantes.
Máis información:
695333087
www.gdrpontevedramorrazo.eu