Alumnado do CPR Virxe Milagrosa simula un proceso electoral
-
Máis dunha vintena de rapaces e rapazas de 3º de primaria presentaron o proxecto no salón de plenos do Concello
O alcalde de Bueu, Félix Juncal, recibiu este venres a un grupo de alumnos e alumnas de 3º de primaria do CPR Virxe Milagrosa. Acompañado do concelleiro de facenda, José I. García, o rexedor puido coñecer o proxecto que traballaron no centro, consistente na simulación dun proceso electoral. Ao longo das últimas semanas os máis pequenos crearon catro partidos políticos (Árbore Política, Partido dun Bueu Mariñeiro, Partido Futuro e Políticos ao Poder) coa súas correspondentes candidaturas e convocaron unhas eleccións no centro. Segundo salientaron as mestras acompañantes, o obxectivo era que coñecesen máis polo miúdo o funcionamento das eleccións dos representantes políticos desde o comezo ata o seu resultado.
O partido gañador resultou ser “Árbore Política”, que promoveu propostas para todas os ámbitos sociais. Tal é o caso da redución da contaminación na vila e o coidado do medio ambiente, a creación dun viveiro municipal, a reparación das estradas de Cela, a mellora do sendeiro do Río Bispo e o estudo de colocación dun parque de aventuras preto deste, a mellora do Centro de Saúde, a creación dun comedor social e dunha escola para persoas maiores, a renovación das instalacións deportivas, o incremento da oferta cultural coa creación dun cine e espectáculos culturais, andainas solidarias, parque inclusivo…
Juncal mostrou a súa satisfacción e salientou que “estes encontros coa rapazada me emocionan moito, sobre todo porque os que un día entramos en política soñamos, coma eles, con construír espazos mellores para a cidadanía”. Ao remate do acto, o alcalde fíxolles entrega dun diploma para cada un destes partidos políticos como lembranza deste día, ademais dun lote de bibliografía para o centro.