‘Agresión Off 2020’ recalou este xoves na Praza Massó de Bueu
- No stand ofrecéronse obradoiros para persoas adultas e infantís entre as 10 e as 14 horas
- As actividades promoveron a sensibilización contra as violencias machistas e sexuais
Este xoves, 19 de novembro, a Praza Massó de Bueu acolleu entre as 10 e as 14 horas unha mesa informativa do programa AgresiónOff 2020 promovido pola Consellería de Emprego e Igualdade no marco do Día Internacional Contra as Violencias Machistas. No stand ofreceuse á cidadanía participar en diferentes obradoiros de sensibilización e actividades lúdicas, sempre cumprindo con toda a normativa de prevención contra a Covid-19. Por alí pasaron algunhas concelleiras da corporación, como Ana Isabel Otero, edil de igualdade, Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, ou Elena Estévez, voceira do PP.
Os obradoiros dividíronse en áreas de traballo con contidos concretos co obxectivo de sensibilizar á poboación contra a violencia sexual. Así, entre os talleres que se levaron a cabo para a poboación máis adulta están “Canto de estereotipada está a túa mente?”, “A ruleta do amor romántico”, “Non me contes contos”, “Onde está o límite?”, “Eu non necesito #filtros”, “Estás seguro@ de premer o botón de enviar?”, “Kahood da igualdade. Xogo tecnolóxico on line”e “A información está ao alcance da túa man”. Amais, para a cativada, houbo outras cantas propostas: “O tótem do sexismo”, “Verdade ou mito”, “Ampliemos o decálogo contra a violencia sexual” e “Adiviña a adiviñanza… quen está detrás de cada frase?”.
Ao longo da intervención distribuíronse flyers co ‘Decálogo contra a violencia sexual: 10 cousas que tes que saber’ en galego, castelán e inglés, así coma merchandising cos logotipos de programa.