Aberto o prazo para o proceso selectivo de técnico/a de administración xeral
O Concello de Bueu contratará un técnico ou técnica de administración xeral. As persoas que desexen participar no proceso selectivo disporán de 20 días hábiles para presentar a solicitude, a contar desde o 18 de febreiro, día seguinte á publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia (DOG).
A persoa que resulte seleccionada desta contratación terá que realizar, entre outras funcións, informes xurídicos, propostas de resolución de expedientes, revisión e nova elaboración de impresos e formularios, preparación de modelos de documentos normalizados, asesoramento legal, información no proceso de toma de decisión polos diversos órganos municipais, revisión e actualización a normativa municipal, entre outras.
As solicitudes terán que facerse preferentemente de forma electrónica a través do formulario dispoñible na sede electrónica do Concello. Opcionalmente poderán realizarse de forma presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora.
O procedemento selectivo consistirá na superación de tres exercicios. O primeiro será unha proba teórica de cincuenta preguntas tipo test, e un cuestionario de cinco preguntas sobre as materias do programa que deberá ser lido ante o Tribunal avaliador. A seguinte proba consistirá na resolución dun ou varios supostos prácticos, a través dos que se avaliará a capacidade das persoas aspirantes para desenvolver tarefas relacionadas co posto de traballo. E o último deles ten que ver coa comprobación do coñecemento da lingua galega, a través da tradución dun texto en castelán ou galego (quedan exentas desta proba as persoas que conten co certificado Celga IV ou equivalente).