Aberto o prazo para inscribirse nos Premios de Entroido
- As persoas e agrupacións que desexen participar poderán anotarse ata o 20 de febreiro
O Concello de Bueu vén de abrir o prazo para participar nos premios dos desfiles do Entroido, tras a publicación do extracto no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO) deste mércores, 29 de xaneiro.
O prazo de inscrición esténdese ata o 20 de febreiro. Os premios repartirán 6000 euros entre todas as categorías participantes tanto no Enterriño da Sardiña, que se celebrará o mércores 26 de febreiro ás 17.00 horas, como no Enterro do Paxaro de Mal Agoiro, que terá lugar o 1 de marzo a partir da mesma hora.
Ao igual que na pasada edición, as agrupacións de máis de quince compoñentes recibirán unha cantidade fixa por participar. Concretamente, destinaranse 300 euros ás comparsas de Bueu que formen parte dos actos programados ao longo de todo o Entroido, 150 euros para as agrupacións de Bueu que participen no desfile do Enterriño da Sardiña e teñan máis de quince compoñentes, e 120 euros para aquelas que participen no Enterro do Paxaro de Mal Agoiro e estean compostas por máis de quince persoas.
A maiores, estableceranse os seguintes premios para os participantes no Enterro do Paxaro de Mal Agoiro: premios ás comparsas de Bueu (150 euros para o 1º e 100 euros para o 2º, 75 euros, para o 3º, e 50 euros, para o 4º), premios ás agrupacións de máis de 15 compoñentes (1º dotado con 250 euros, o 2º con 175 euros, e o 3º con 100 euros), premios ás agrupacións de entre tres e quince compoñentes (100 euros o 1º premio, e 80 euros o 2º), premios ás parellas (100 euros o 1º premio, e 80 euros o 2º), e premios individuais ( 80 euros o 1º e 50 euros o 2º).
As bases tamén especifican que, no caso de mal tempo, a decisión de saír ou non saír os desfiles tomarase por parte da Comisión de Entroido, que está composta por unha representante do Concello e de colectivos do Entroido que asistiron ás reunións do citado órgano.
A continuación podedes descargar as bases da convocatoria, o extracto do BOPPO e a solicitude de inscrición: