Aberto o prazo para inscribirse na 2ª etapa dos roteiros do Camiño Portugués
A concellaría de deportes de Bueu acaba de abrir o prazo para inscribirse no segundo roteiro do Camiño Portugués, que será o 7 de abril e que percorrerá a distancia que vai entre Porriño e Redondela. A inscrición deberá realizarse na oficina de deportes ou mediante correo electrónico enviando a solicitude cuberta a deporte@concellodebueu.org.
O prezo de inscrición é de 7 euros e o pagamento realizarase o mesmo día da etapa. Dende o departamento que dirixe Manolo Otero xa especifican que haberá un total de 50 prazas e que só se poderá realizar unha inscrición por persoa.
Ata o mes de xuño continuarán os diversos roteiros pola parte galega do Camiño Portugués, nas etapas seguintes: Porriño- Redondela (7 abril), Redondela- Pontevedra (21 abril), Pontevedra- Caldas de Reis (5 maio), Caldas de Reis- Padrón (26 maio), Padrón – Santiago (9 xuño). O obxectivo principal é realizar exercicio e á vez coñecer paisaxes e zonas con encanto pertencentes á nosa comunidade.
O Concello porá a disposición dos e das participantes un autobús que fará o percorrido dende Bueu ao lugar de orixe da etapa, e con regreso a Bueu dende o punto final de cada etapa.