Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A XXI Festa do Polbo celebrarase o 13,14 e 15 de agosto nos Xardíns de Urbano Lugrís

  • Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, mantivo este o pasado luns unha nova reunión cos representantes da hostalaría para fixar os prezos da próxima edición
  • A festa celebrarase nos Xardíns de Urbano Lugrís – As Lagoas, e incluirá as habituais especialidades gastronómicas, ademais dunha programación lúdico – festiva

O Concello de Bueu celebra os días 13,14 e 15 de agosto a XXI Festa do Polbo, un evento que se recupera tras dous anos de ausencia pola pandemia e que terá lugar nos Xardíns de Urbano Lugrís, na zona das Lagoas. Así se acordou na reunión celebrada o pasado luns entre Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, e os representantes da hostalaría participante no evento.

A reunión tamén serviu para revisar os prezos das especialidades, que se incrementarán dous euros. Así, as racións máis pequenas pasarán de 6 a 8 euros, e as máis grandes, de 10 a 12 euros. “Queremos manter os prezos populares, pero non podemos obviar que nestes dous anos se encareceron os produtos”, salienta a concelleira.

A partir de agora, dende a concellaría de promoción económica e turismo, traballarase na organización deste evento que pon en valor o Polbo das Rías, e que contará coas habituais especialidades gastronómicas e con actividades culturais e de promoción deste cefalópodo, que se irán anunciando nos próximos meses. Unha das novidades desta edición é que á carta dos viños habituais se unirá a IXP Ribeiras do Morrazo, “o que supón valorizar unha marca na que se inclúe o noso Tinta Femia”, apuntaba ao remate da reunión Silvia Carballo.

A festa do polbo naceu coma un proxecto de valorización do Polbo das Rías, e por iso cada ano se ofrece unha programación ampla e variada na que as persoas asistentes poden degustar unha gran variedade de especialidades elaboradas con este cefalópodo. Cunha vintena de anos de historia, a día de hoxe é un dos eventos máis exitosos da tempada estival no municipio bueués.