A Xunta Local da AECC e o Concello de Bueu organizan un curso de deshabituación tabáquica
A Xunta Local da AECC de Bueu está organizando un curso de deshabituación tabáquica coa colaboración do Concello de Bueu. As persoas interesadas neste programa xa se poden anotar chamando ó número de teléfono 986390029 (ext. 2); mandando un correo electrónico a comunicacion@concellodebueu.gal ou de forma presencial no segundo andar da Casa do Concello de Bueu. A data de comezo do curso establecerase despois de pechar as listas de espera, tras a realización das entrevistas individuais e unha vez seleccionadas as persoas aptas para o curso.
O programa para deixar de fumar da AECC, que ten unha taxa de éxito do 60%, desenvolverase ó longo de sete sesións de hora e media, repartidas en sete semanas. Un mes despois realizarase unha sesión de control. Este curso é gratuíto, pero as persoas participantes deberán deixar un depósito de 60 euros, co obxectivo de asegurar a súa presenza en tódalas sesións, e que se devolverá no caso de non faltar a ningunha. Por cada falta non xustificada retiraránse 6 euros, ata un máximo de tres faltas, a partir da cal perderase o depósito total.
Durante este tempo, irase facendo unha redución gradual do consumo de cigarros, ata deixalo totalmente cara a metade do curso. Facilitaránselle ó usuario diferentes ferramentas e técnicas que xa demostraron a súa eficacia. Posteriormente, traballarase na prevención de recaídas.
Actualmente, o tabaco é a primeira causa de morte evitable nos países desenvolvidos. Está relacionado directamente con máis de 15 tipos de cancro diferentes. No ano 2017 detectáronse en España 28.645 novos casos de cancro de pulmón, dos cales 2.003 foron en Galicia e 634 en Pontevedra. Galicia é a segunda Comunidade Autónoma onde hai menos fumadores. O ano pasado, a aecc axudou en toda España a preto de 4.000 persoas a deixar de fumar. Desde a Asociación Española Contra o Cancro traballamos en saúde, informando, concienciando e previndo á poboación, co obxectivo de reducir ó máximo as posibilidades de sufrir un cancro.