A Xunta cumprirá coa petición do Concello e habilitará unha senda peonil entre a Chadiza e a Costa do Figueirón
- O alcalde de Bueu participou na visita ás obras e salientou que “esta actuación supón dar cumprimento ás reiteradas peticións feitas polo concello para mellorar a seguridade viaria e peonil”
- As obras consistirán na construción dunha senda peonil nunha lonxitude de 600 metros e mañá publícase o anuncio de información pública
Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Xosé Leal, concelleiro de mobilidade, participaron este mércores na visita que realizaron Luís López, delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, e José Luís Díaz, xefe territorial de infraestruturas, ás obras da senda peonil que a Xunta de Galicia vai acometer na PO-315, concretamente entre a Chadiza e a Costa do Figueirón (PQ 2+150 e 2-750), na parroquia de Beluso. Juncal salientou que “hoxe é un día a destacar porque esta actuación supón dar cumprimento ás reiteradas peticións feitas polo concello para mellorar a seguridade viaria e peonil nun tramo con moita densidade de tráfico e que carece de mínimos espazos seguros, e que a cidadanía nos demandaba cada vez máis”.
As obras, cun orzamento de 275.000 euros, supoñerán unha mellora da accesibilidade coa construción de beirarrúas na marxe esquerda en sentido ascendente nunha lonxitude de 600 metros. Así, as beirarrúas terán un ancho de 2 metros, e na zona próxima ao cruce de baixada cara á praia de Beluso vaise actuar nas dúas marxes e habilitar o espazo para a parada de autobuses. Tamén se contempla o desterre nunha curva posterior a este cruce, a adecuación e/ou renovación dos servizos presentes, así como a mellora da capa de rodadura da calzada nos tramos deteriorados.
Segundo avanzou o delegado, mañá sairá publicado o anuncio de información pública, que será dun mes, e a previsión é que a obra poida adxudicarse de cara ao verán, aínda que non comezarían ata despois da tempada estival dado que se trata dunha zona con moito tránsito e que se incrementa nesas datas. Unha vez culminada a actuación, para a que se prevé un período de execución de seis meses, esta senda conectará coa do tramo de Cabalo, xa realizada hai uns anos.
A obra, que se inclúe no plan de sendas do Morrazo, supón, en palabras do alcalde bueués, “dá cumprimento aos asuntos que estaban na axenda de traballo nas diversas reunións que mantiven nos últimos anos coa Conselleira de Infraestruturas, á que quero mostrar o meu agradecemento porque os proxectos demandados se vaian materializando, e que seguirei reivindicando para Bueu”.
No acto desta mañá tamén participou Manuel Juanatey, xefe de servizo da Axencia Galega de Infraestruturas, e Elena Estévez, voceira do PP.