Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A vila de Bueu únese á campaña «En negro contra as violencias machistas» durante esta semana

Un total de cento cincuenta establecementos únense á campaña “Bueu en negro contra as violencias machistas”, e por iso durante esta semana os escaparates e demais espazos públicos e privados vestiranse de loito como símbolo de protesta contra as violencias machistas. O Concello de Bueu adheriuse este ano por primeira vez á campaña, na que participan un cento de concellos galegos, co gallo do Día Internacional da Non Violencia Contra as Mulleres, e desde o Centro de Información ás Mulleres informouse a todos os establecementos da vila para realizar unha protesta conxunta e con impacto na sociedade.

Desde a área de igualdade alertan de que “no que levamos deste ano, 43 mulleres perderon a vida a mans das súas (ex) parellas, tres eran da nosa Comunidade Autónoma, o que esixen unha resposta unánime da sociedade de rexeitamento de todas as formas de violencias machistas”.

Nas redes sociais do Concello de Bueu iranse publicando durante esta semana as imaxes dalgúns escaparates participantes, e convídase a que desde os locais compartan as súas fotos e as envíen a comunicacion@concellodebueu.gal.

Actos 25 de novembro

Con motivo do Día Internacional da Non Violencia Contra as Mulleres estase organizando unha programación que, ao igual que en anos anteriores, ten como eixe vertebrador aos máis pequenos e pequenas. O acto central terá lugar o vindeiro venres, 23 de novembro, cando terá lugar a concentración en memoria das vítimas da violencia machista na ás 11.45 h Praza do Concello e, a continuación, no Centro Social do Mar, alumnado do CPR Virxe Milagrosa realizará a Declaración Conmemorativa desta data seguida da entrega de premios do XVI Concurso de carteis.

Tamén se están organizando obradoiros de novas masculinidades nos centros de primaria e secundaria da vila, e xa o pasado venres o Cineclub Bueu proxectou Lady Macbeth, un filme de William Oldroyd que plasma na pantalla a asfixiante atmosfera de séculos de opresión silenciosa á muller. Por último, a Biblioteca Municipal Torrente Ballester conta cunha exposición de libros relacionados coa violencia machista e outros que teñen as mulleres como protagonistas.

Ligazón á campaña«En negro contra as violencias machistas»