A Praza Massó converterase este domingo nun enorme manto floral
- A Asociación Cultural das Alfombras Florais elaborará unha alfombra floral de 150 metros cadrados na Praza, e outra máis reducida na contorna da Igrexa Parroquial de Bueu
- Faise un chamamento á colaboración cidadá na confección deste tapiz xigante que homenaxeará a todas as persoas alfombristas que axudaron a manter viva a tradición na vila
O Concello de Bueu e a Asociación Cultural de Alfombras de Bueu propoñen a elaboración dunha alfombra monumental que cubrirá a céntrica Praza Massó nesta fin de semana e coa que se celebrará a tradicional Festa das Alfombras Florais aínda que adaptada por segundo ano consecutivo ás restricións da Covid-19. A idea é crear un tapiz xigante nesta praza, cunha dimensión de 150 metros cadrados, co que se homenaxeará aos e ás alfombristas de Bueu, que contribuíron a manter viva esta tradición ano tras ano. A previsión é que a alfombra comece a elaborarse o sábado ás 9.00 h da mañá e se remate de madrugada, para o que se solicita a colaboración de toda a cidadanía pois “este traballo é o resultado de todo un pobo”, en palabras de Carmen Santos, presidenta do colectivo cultural.
Este xoves celebrouse a rolda de prensa, na que estiveron presentes varios integrantes da asociación e Xosé Leal, concelleiro de cultura de Bueu. Precisamente, dende o consistorio faise fincapé no establecemento de medidas de seguridade anti-Covid, pois “o ano pasado demostramos que con esta alfombra no centro da vila controlamos mellor os fluxos de mobilidade das persoas, ao contar cun protocolo de actuación máis adaptado ás circunstancias actuais”. Así, o lugar desinfectarase previamente e a asociación velará polo mantemento das distancias de seguridade das persoas que se atopen confeccionando a alfombra, ademais das que se acheguen a admirala durante todo o domingo.
Dende a Asociación avanzan tamén que se realizará unha segunda alfombra floral, de tamaño moito máis reducido (aproximadamente 20 metros cadrados) na entrada da Igrexa Parroquial de San Martiño de Bueu, na que se representarán motivos relixiosos.
A Asociación leva máis de tres meses traballando intensamente para a preparación de todos os materiais (hortensias, pampullos, caraveis…) cos que se elaborarán os dous tapices. Neste labor, Carmen Santos destacou a colaboración das persoas, asociacións e veciñanza que “levan achegando o seu gran de area dende o inicio”. Entre esas persoas atópase Xulio Formoso, debuxante bueués residente en Venezuela ao que tamén renden homenaxe a través dun cartel inédito que o artista elaborara para o colectivo co que colaborou dende o inicio e ata o seu falecemento.
A tradición das alfombras florais en Bueu
A festa das alfombras conta con máis dun cento de anos de antigüidade, aínda que o auxe desta tradición podería situarse entre as décadas de 1940 e 1950. Un dos costumes que máis lembran os veciños e veciñas da vila son as recoñecidas carrozas que desfilaban na procesión e que se preparaban na antiga carpintaría da fábrica Massó, que deixou de realizarse a comezos dos 70 co peche da conserveira. No ano 2015 nace a Asociación das Alfombras do Corpus de Bueu, colectivo que logrou revitalizar a tradición das alfombras na vila, cambiando algunhas cuestións para que o percorrido fose máis céntrico e visual, e que atraese a máis visitantes.
Hai que salientar que a Festa das Alfombras de Bueu de Bueu foi declarada como de Interese Local no ano 2002 e desde o 2017, é Festa de Interese Turístico Galego pola Axencia Galega de Turismo.
Ao longo dos últimos anos, dende este colectivo, coa estreita colaboración do Concello, fíxose unha gran labor de recuperación e promoción da arte floral, con actividades como encontros internacionais, festas, obradoiros, xornadas e exposicións etc.