A praia de Portomaior rexistra o maior número de incidencias este verán
-
Séguenlle o areal de Lapamán, Area de Bon e Lagos, e xullo é o mes con máis avisos
A piques de rematar a tempada estival, as analíticas elaboradas polos servizos de socorrismo nas praias de Bandeira Azul demostran que o areal de Portomaior rexistra o maior número de incidencias durante este verán, con 380 avisos. Deles, as incidencias máis habituais son as feridas (172), seguidas das picaduras de avespa (58), e da de faneca (51). Séguelle o próximo areal de Lapamán, no que se rexistraron 334 incidencias, das cales 121 corresponden a picaduras de fanecas, 97 a feridas e 43 a picaduras de avespas.
A continuación sitúase Area de Bon, na que os socorristas detectaron 160 avisos, dos cales os máis habituais foron os de feridas (72), picadura de faneca (19) e de ourizo (16). Por último atópase Lagos, con 113 incidencias, das cales 69 equivalen a feridas, 19 a picaduras de insectos e 14 a picaduras de ourizo.
Así mesmo, en todos os areais se rexistraron outros avisos de menor importancia como os de picaduras de ourizos, reaccións alérxicas, contusión, queimaduras, medusas no areal, mareos, avisos a cans, pescadores, nenos/as perdidos, dor de ciática ou cólico.
Observando as estatísticas, o mes de xullo é o de maior actividade, seguido de agosto e, en menor medida a primeira quincena de setembro, que coincide coa baixada no número de bañistas.