Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A piscina municipal de Bueu acolle este mes actividades físico – deportivas para persoas con Parkinson e clases de ximnasia na auga

• Ricardo Verde, concelleiro de deportes, visitou hoxe un dos grupos de Parkinson e salientou que “é importante fomentar o deporte e os hábitos saudables entre todas as persoas”
• A piscina permanecerá pechada ao público entre o 15 e o 20 de xullo por labores de mantemento


Ricardo Verde, concelleiro de deportes de Bueu, visitou este xoves as instalacións da Piscina Municipal das Lagoas na que se están desenvolvendo este mes actividades físico – deportivas para persoas con Parkinson e clases de ximnasia na auga.
As actividades para persoas con Parkinson suman vinte e sete participantes, que se dividen en dous grupos, concretamente os luns e xoves ás 10 e ás 11 horas. Mentres, un total de 127 persoas gozan dende comezos de mes das clases de ximnasia na auga, que se desenvolven os luns e mércores ás 10 e 11 horas, e tamén de balde para a veciñanza.
O concelleiro salientou que “é importante fomentar o deporte e os hábitos saudables entre todas as persoas, con especial atención ás maiores”, ao tempo que “se ofrecen alternativas de lecer para o goce da veciñanza”.
Dende o Concello tamén se informa que entre o 15 e o 20 de xullo a piscina vai estar pechada debido a labores de mantemento. Despois desa data, as persoas que queiran facer uso das instalacións poderán inscribirse de balde no teléfono 986138689, ou escribir ao correo electrónico piscina@concellodebueu.gal. O horario de apertura é de luns a venres de 09.00 a 12.00, e de 17.00 a 21.00 h, e os sábados de 09.00 a 12.00 horas.
Precisamente, hai un mes material novo para incrementar os recursos da piscina e que demandaban moito as persoas usuarias, sobre todo porque axudan ao nado ou á práctica de deportes como a ximnasia na auga. Así, a piscina conta con dous tapices individuais para a mellora do equilibrio na piscina, 30 churros para o control postural, 25 táboas de natación de tamaño mediano para mellora da técnica de natación, 50 pullboy e 50 pulseiras para fomento da técnica e aprendizaxe, e 25 pares de mancuernas.