Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A Oficina de Turismo de Bueu recibiu 2116 visitantes nesta tempada estival

  • O municipio morracense consolida o turismo estatal e de proximidade, e o Concello de Bueu segue apostando pola promoción cultural e sostible
  • A concelleira de turismo salienta que “non existe un perfil de visitante, senón que case sempre adoitan ser persoas activas que buscan o encanto ambiental e natural da contorna, a ampla programación cultural e deportiva, e mesmo a gastronomía, que é das mellores da zona”

A vila de Bueu segue a consolidarse coma un dos referentes máis atractivos da costa pontevedresa para os e as turistas. Así o demostran as estatísticas da Oficina de Turismo, que este ano recibiu entre xullo e agosto a un total de 2.116 visitantes, concretamente 756 en xullo e 1.061 en agosto. As cifras mostran que a maioría pertencen á franxa de idade de entre 36 e 59 anos (802), seguido de maiores de 60 anos (559), menos de 18 anos (389), e entre 19 e 35 anos (247); e tamén que o tempo medio da estancia é de 1 a 5 días. O informe destaca a consolidación do turismo estatal e autonómico, repuntando especialmente Canarias e o País Vasco, e tamén se incrementaron os provenientes do estranxeiro, como é o caso paradigmático de Alemaña, que medra nun 60%.  

Dende a Oficina de Turismo, que estivo aberta ao público entre o 2 de xullo e o 29 de setembro, destacan que a maioría das persoas se hospedan en aluguer vacacional, e que preto do 60%  son visitantes que veñen repiten ano tras ano. Isto débese á oferta lúdica e turística que se organiza dende as diversas concellerías e que fan que Bueu sexa un municipio atractivo para moitos públicos. Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, apunta que “non existe un perfil de visitante, senón que case sempre adoitan ser persoas activas que buscan o encanto ambiental e natural da contorna, a ampla programación cultural e deportiva, e mesmo a gastronomía, que é das mellores da zona”.

Durante a tempada estival, o Concello de Bueu puxo en marcha varios programas de oferta cultural, a través da que se buscaba dar a coñecer a vila e ofrecer alternativas lúdicas, como é o caso das rutas de sendeirismo, as rutas gastronómicas “Sabor e mar” ou o “Convida Bueu 2022”, no que se ofreceron actividades culturais diversas e para todas as franxas de idade nos lugares das tres parroquias. A iso habería que engadir a consecución este ano do distintivo de Bandeira Azul na praia urbana da Banda do Río, o que supuxo un “fito histórico”, e o incremento de servizos neste e noutros areais.

Carballo salienta que “dende o goberno local continuaremos traballando para que ademais de ser un referente turístico, consigamos a excelencia turística, que ten que ver coa mellora e aumento dos servizos e políticas para o conxunto da cidadanía”.