A Oficina de Turismo de Bueu abre ao público dende unhas novas instalacións
- Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, salienta que a oficina se traslada este ano á Casa Consistorial, e que estará aberta ata finais de setembro
A Oficina de Turismo de Bueu abriu as súas portas este sábado, 2 de xullo, pero dende unha nova sede, pois trasladouse á Casa do Concello, xustamente onde antigamente era a biblioteca municipal e posteriormente o departamento de recursos humanos. Precisamente, a concelleira de promoción económica e turismo, destaca que xa hai uns anos que se vén traballando na proposta de traslado dende a Sala Amalia Domínguez Búa e que por fin se materializou.
Así, esta oficina estará aberta en horario ininterrompido de 10 a 15.30 horas, agás os martes, cando permanecerá pechada ao público.
Para os servizos desta Oficina, o Concello de Bueu conta cunha subvención da Deputación de Pontevedra, no marco da convocatoria para financiamento dos custos da prestación de servizos de información e atención ao público en oficinas de turismo adheridas á rede de oficinas de turismo Rías Baixas.
Dende a concellaría de promoción económica e turismo saliéntase que “o cambio da oficina de turismo á nova sede permitirá mellorar a accesibilidade, así como que o persoal conte con aseos”.