Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A maxistrada Mª Paz Filgueira participa na xornada técnica sobre os procesos de ruptura en Bueu

O Concello de Bueu, a través da concellaría de igualdade, organiza o próximo martes, 28 de xaneiro, a xornada técnica “Aspectos relevantes derivados dos procesos de ruptura. Valoración do risco penal. Especial referencia aos menores”. A charla, que vai dirixida a todas e todos os profesionais, será impartida por Mª Paz Filgueira Paz, Maxistrada do Xulgado de 1ª Instancia de Vigo con funcións de familia, ás 10.30 h na Biblioteca Municipal Torrente Ballester.

O obxectivo desta actividade é continuar coa formación como un dos piares básicos na loita contra as violencias machistas. Xa a finais do ano pasado se organizaron as xornadas de igualdade que incidiron en diversas áreas co fin de dotar ás persoas profesionais de ferramentas e claves á hora de afrontar casos de violencia de xénero. De feito, a maxistrada Mª Paz Filgueira participara na xornada do 30 de setembro, na que os corpos de seguridade e axentes puideron aprender sobre os tipos penais, as medidas de protección e a valoración do risco en casos de violencia contra as mulleres.