A Mancomunidade promove un plan do Morrazo como destino turístico sostible
- Félix Juncal, alcalde de Bueu, salientou que “a Mancomunidade está abrindo un tempo novo que vén dun traballo compartido e de cooperación de todos os concellos”
A Mancomunidade de Concellos do Morrazo, na que se insiren os municipios de Bueu, Cangas e Moaña, presenta o seu plan de turismo, no que se potenciará a marca do Morrazo como destino cultural e natural sostible, tanto para a veciñanza como para fomentar o turismo. Precisamente este venres, 11 de decembro, o salón de plenos do Concello de Moaña acolleu a presentación deste plan, no que estiveron presentes Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, amais dos rexedores e edís dos demais municipios comarcais, e o xerente Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (FECIMO).
O proxecto puido realizarse grazas a un convenio asinado entre a Mancomunidade e a Axencia Galega de Turismo, no que tamén participou FECIMO, e pretende destacar a capacidade natural e patrimonial que temos no territorio, cun modelo sustentable e accesible para todas as persoas.
Segundo explicou a presidenta da Mancomunidade e alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, o proxecto ten varios eixos de traballo: a creación da marca “Destino O Morrazo”, un estudo de catalogación dos recursos patrimoniais e naturais, un estudo de capacidade de carga dos recursos naturais, un folleto sobre o Morrazo máxico que inclúe lendas, mitos e literatura oral, e a realización dun ‘top ten’ de experiencias da comarca.
A marca está inspirada no patrimonio da comarca, algo que se expresa na tipografía e simboloxía empregada, e as cores do logo fan referencia ao mundo natural. Avanzando neste mesmo sentido, o ente supramunicipal presentarase á convocatoria impulsada polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo para a creación de plans de sustentabilidade turística, o que suporá un gran avance.
Félix Juncal, alcalde bueués, destacou que “a Mancomunidade está abrindo un tempo novo, o que é moi importante e que vén dun traballo compartido e de cooperación de todos os concellos”. Nesa liña tamén interviu Xosé Manuel Pazos, rexedor de Cangas, quen lembrou que “isto é o que máis se parece á Mancomunidade que soñamos naqueles primeiros anos 90 da súa creación”.