A Mancomunidade do Morrazo incrementa a recollida de lixo na Semana Santa
- Hai uns días rematouse coa substitución dos lotes de contedores de carga lateral e traseira, e estase a preparar un novo contrato de subministro
- O 9 de maio comezarán os traballos de substitución da maquinaria do complexo de A Portela
A Mancomunidade de Concellos do Morrazo acaba de recibir o informe encargado á concesionaria do servizo de recollida do lixo no que se presentan as cifras da Semana Santa. Segundo isto, neste tempo incrementouse a recollida nun 10% con respecto ao 2021, pois recolléronse 460 toneladas fronte ás 420 do mesmo período do 2021. Félix Juncal, alcalde de Bueu e presidente actual do ente supramunicipal, destaca que “isto ten a súa importancia porque ao longo deses días estívose facendo un seguimento por diversos puntos dende a xerencia e observouse que non houbo problemas no servizo, a diferenza doutros anos, e a pesar do incremento poboacional nestas datas”, e polo tanto “pode dicirse que o obxectivo se conseguiu”.
Por outra banda, a Mancomunidade vén de rematar coa substitución de 130 contedores de carga lateral e de 250 de carga traseira, que se colocaron polos diversos lugares dos tres concellos. Precisamente, os servizos técnicos están preparando agora toda a documentación técnica para realizar un novo contrato de subministro similar ao anterior, ao tempo que empresa Urbaser elabora un informe para, unha vez que se reciban os dous lotes, continuar coa colocación e a mellora do servizo.
E outra nova importante para a Mancomunidade é que o 9 de maio comezarase coa substitución da maquinaria da planta de A Portela. Estes traballos mellorarán o estado deste complexo, pois contarase cunha nova tolva, un compactador de residuos e un sistema de traslación, que substituirán os actuais que se atopan en moi mal estado. A adxudicataria é Danima Engineering cun contrato valorado en 245.000 euros, e xa comunicou que a actuación levarase a cabo durante dez días, durante os cales os camións do lixo deberán trasladarse a Ribadumia.