Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A Mancomunidade do Morrazo convoca o martes á hostalaría de Bueu para iniciar a recollida selectiva de biorresiduos ‘porta a porta’

  • A xuntanza terá lugar o 3 de maio, ás 17.00 horas, no Auditorio do Centro Social do Mar
  • O ente supramunicipal centra os esforzos neste sector posto que son os principais xeradores de biorresiduos
  • A campaña comezará co reparto de cartas informativas, e entrega de folletos, manuais, e un contedor para poder realizar a separación dos residuos orgánicos

A Mancomunidade de Concellos do Morrazo convoca unha reunión o 3 de maio coa hostalaría de Bueu para presentar o proxecto de recollida selectiva de biorresiduos que se porá en marcha. Tal e como se anunciou hai uns días, Félix Juncal, alcalde de Bueu e presidente actual do ente supramunicipal, e o persoal técnico, manterán un encontro cos hostalaría o próximo martes ás 17 horas no Auditorio do Centro Social do Mar. Esta campaña que permitirá mellorar a xestión dos residuos incrementar as taxas de reciclaxe para aproximarse aos obxectivos das diferentes normativas estatais e europeas, e para reducir o impacto medioambiental.

Como xa se anunciara hai uns meses, a Mancomunidade centra os seus esforzos na recollida á hostalaría, posto que son os principais xeradores de biorresiduos e de aí  importante papel que xoga a súa colaboración á hora de separar correctamente estes residuos.

Os locais que se adhiran a esta campaña recibirán unha visita do persoal técnico da Mancomunidade, onde se lles informará sobre a dinámica da separación en orixe e a nova sistemática do colector marrón. Ademais farase entrega dun colector para poder realizar a separación dos biorresiduos cunha maior comodidade no seu propio local. Unha vez que os produtores estean ben informados, comezarase co sistema “Porta a Porta”, para o que se estipula unha frecuencia de recollida a concretar segundo as necesidades. En canto ás características técnicas, os contedores que se entregarán terán unhas capacidades de 120, 240 e 360 litros, dependendo a produción de materia orgánica de cada establecemento, e contarán cun pedal para facilitar a apertura sen manipulación da tapa e con pechadura automática por gravidade.

As normativas europea e estatal esixen acadar o 55% na reutilización e na reciclaxe dos residuos domésticos en 2025. Ademais, a nova lei de residuos de Galicia esixe instaurar antes do 31 de decembro de 2023 a recollida separada dos biorresiduos. Para chegar a estes obxectivos, tanto as administracións públicas como o tecido empresarial e a propia cidadanía, deben asumir as súas respectivas responsabilidades e ser parte activa na recollida e na xestión do lixo.

A campaña busca, pois, potenciar a prevención, recollida separada e valorización de biorresiduos de competencia municipal de maneira local, reducir a produción de residuos nos concellos da Mancomunidade, implicar aos grandes produtores nas actuacións de xestión de residuos e facer partícipe á cidadanía con campañas informativas, e poñer en valor as instalacións do Complexo Medioambiental da Mancomunidade, dándolle un dos usos para os que inicialmente foi deseñado, o tratamento da FORM mediante compostaxe. Así mesmo, preténdese integrar a nova recollida xunto ó resto de circuítos xa establecidos, e influír positivamente na creación ou afianzamento de postos de traballo e/ou actividade económica verde ligada á transformación da material orgánica e ao uso do compost.

Esta iniciativa levarase a cabo no marco das axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020.