Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A III Feira da Ciencia e da Literatura celebrarase o 9 de maio na Praza Massó

  • Xosé Leal, concelleiro de cultura e educación, mantivo este luns unha reunión coas responsables deste proxecto impulsado por terceiro ano consecutivo desde o IES Johán Carballeira
  • O evento buscará visibilizar ás mulleres na ciencia e na literatura, así como o traballo que se fai nos propios centros educativos da vila

Tras o éxito das anteriores edicións, a III Feira da Ciencia e da Literatura de Bueu afiánzase xa coma un proxecto interdisciplinar e todo un referente no eido educativo e cultural da primavera. Co obxectivo de presentar as necesidades de cara para a vindeira cita, que terá lugar o 9 de maio de 2020 na Praza Massó, Xosé Leal, concelleiro de cultura e educación, reuniuse coas mestras do IES Johán Carballeira responsables do proxecto.

A iniciativa, na que participarán todos os centros educativos da vila, pretende unir a ciencia e a literatura, reivindicar o papel das mulleres nas dúas disciplinas, e tamén ser un escaparate para que a cidadanía coñeza o que se fai nos colexios e institutos.

A dinámica da feira será semellante á de anos anteriores, coa presenza de diversos postos nos que se analizarán os libros propostos, os cales serán traballados ao longo do curso polos alumnos e alumnas. Así, entre os títulos desta edición están A balada dos unicornios, de Ledicia Costas, O contador de estrelas, de Jaureguizar, ou Hipatia, la verdad en las matemáticas, de Jordi Bayarr, entre outros.

Desde a organización destacan que durante os próximos meses se traballará na programación, na que ademais de libros se atoparán outras actividades a cargo do alumnado dos seis centros educativos, relacionadas coa sustentabilidade do medio ambiente, os poderes das superheroínas e o feminismo, as estrelas e constelacións, a literatura oral e os paxaros, e a propia prensa e radio.