A exposición ‘Galiza: un pobo, unha selección’ recala en Bueu
- A mostra poderase ver no 1º andar do Pavillón Municipal Pablo Herbello ata finais de abril
O Pavillón Municipal Pablo Herbello de Bueu acollerá ata finais de abril a exposición “Galiza: un pobo, unha selección”, unha mostra promovida por Vía Galega que consta dunha vintena de paneis sobre o pasado, o presente e o futuro do deporte galego e as súas reivindicacións a prol das seleccións nacionais galegas e da necesidade de que o pobo galego teña representación de seu na esfera internacional.
Precisamente este martes, 12 de abril, tivo lugar a inauguración da mostra, nun acto que se celebrou pola tardiña no 1º andar do pavillón e no que estiveron Félix Juncal, alcalde de Bueu, Ricardo Verde, concelleiro de deportes, Xosé Leal, concelleiro de cultura, e Rafael Iglesias, de Vía Galega. A mostra poderase ver de luns a venres en horario de 17.00 a 22.00 horas.
Vía Galega é unha entidade que agrupa máis de 60 colectivos culturais, sociais e deportivos galegos para crear conciencia en defensa dos intereses nacionais. Con esta campaña a favor das seleccións deportivas galegas pretende reclamar o dereito a que Galiza poida competir profesionalmente e a nivel oficial en todos os deportes, tanto nas seleccións femininas como masculinas. Para alén disto, tamén procura fortalecer a autoestima e a conciencia nacional mediante o deporte; potenciar os deportes galegos, a súa historia e a importancia para a nosa cultura; e incidir na galeguización do deporte e impulsar a igualdade de xénero.
Ademais, a campaña tamén inclúe un documental coa participación de trece persoas referentes do deporte galego como Fernando Vázquez, Xulia Vaquero, Alexandre Sanmartín, Eva Castro ou Cristina López Villar, entre outras.