A corporación municipal aproba por unanimidade unha moción polo Día Internacional das Mulleres
- Tamén saíu adiante unha moción do PP en relación á mellora da accesibilidade no cemiterio de Beluso, mentres que as do concelleiro non adscrito foron desbotadas
A corporación municipal de Bueu celebrou este luns, 3 de marzo, unha nova sesión plenaria ordinaria na que se aprobaron por unanimidade dúas mocións. A primeira delas, a iniciativa dos grupos do goberno (BNG e PSOE) era con motivo do 8 de marzo, data na que se conmemora o Día Internacional das Mulleres; e a outra, presentada polo PP, facía referencia á mellora da accesibilidade no cemiterio municipal de Beluso e á eliminación das barreiras arquitectónicas. Ambas propostas saíron adiante coa unanimidade da corporación, mentres que as restantes, presentadas polo edil non adscrito Daniel Chapela, foron desbotadas ou retiradas da orde do día.
O pleno arrancou precisamente co debate das mocións presentadas por Daniel Chapela. A primeira delas era sobre a humanización da contorna do Igrexario- CEIP A Torre, na parroquia de Cela. Chapela incidiu en que “é importante que os espazos sexan habitables e accesibles para as persoas e neste espazo hai risco de seguridade, polo que debe haber un entendemento entre a Deputación e o Concello, que son os organismos con competencias nesa zona”. Xosé Leal, voceiro do BNG, anunciou o voto en contra do grupo nacionalista porque “as prioridades do goberno para a parroquia de Cela van por outros derroteiros e teñen que ver coa xestión da auga, pois xa en breves faranse realidade dous proxectos de abastecemento e saneamento e tamén a futuro contamos cunha proposta para construír un depósito na parroquia”, e “ademais, as outras liñas básicas coa Deputación deben ser os convenios dos viais de A Roza e Meiro, tal e como se acordou en pleno”. Celso Dopazo, dende a bancada socialista, tamén se manifestou en contra porque “os proxectos que temos relacionados coa auga son moi importantes para Cela”. No caso de Elena Estévez, voceira do PP, xustificou a abstención porque “non negamos que sexa unha obra interesante que se poida facer, pero hai dúas actuacións previstas para a Deputación por acordo plenaria e a orde de prioridades debería ser esa”. A proposta só contou, pois, cos votos a favor de Daniel Chapela.
A continuación foi a quenda da moción sobre a mobilidade peonil, tamén presentada por Chapela, e na que se demandaba un plan de actuación sobre as baldosas rotas ademais da eliminación das barreiras arquitectónicas. Celso Dopazo, concelleiro de mantemento de viais, mostrou voto en contra posto que “a reparación das baldosas é un traballo que realizamos a diario”. Na mesma liña interveu Xosé Leal, quen manifestou que “ese plan de actuación existe e levámolo a cabo tanto con persoal propio como co do Plan Concellos ou mesmo con empresas locais, e si existe unha planificación e un traballo constante sobre o estado dos diversos viais”. Elena Estévez, dende o PP, mostrouse de acordo co segundo punto da moción, o relativo á eliminación das barreiras arquitectónicas, polo que o edil non adscrito emendou o texto nese sentido, permitindo o voto favorable dos populares pero aínda así non prosperou a moción xa que edís do goberno votaron en contra.
A última das mocións de Chapela era relativa á creación dun certame para novos investigadores co nome de Arturo Sánchez Cidrás, nomeado recentemente Fillo Adoptivo da vila de Bueu. Esta proposta xerou certo debate, o que levou ao edil a retirala da orde do día, pois “non me gustaría que nada que tivese o nome de Arturo levase os votos en contra da corporación”.
A moción sobre a mellora da accesibilidade no cemiterio de Beluso, presentada polo PP, foi acollida por unanimidade. Elena Estévez destacou que “unha das actuacións urxentes no cemiterio de Beluso é esa mellora de acceso pola porta principal e as escaleiras”. Esta petición foi compartida polo resto de grupos e a proposta saíu adiante.
E xa para o final quedou a moción presentada polo BNG e PSOE sobre o 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, que tamén se aprobou por unanimidade. No texto incídese en que “dende o Concello de Bueu levamos ano a ano un gran traballo no impulso da coeducación, cunha incidencia especial na formación nas novas tecnoloxías e o efecto nocivo que teñen para as mozas e mulleres”. Ademais, continúa, “tamén vimos de aprobar pola Comisión Negociadora de Igualdade o I Plan de Igualdade do persoal municipal 2025-2028, e no que se inclúe o protocolo de actuación contra o acoso sexual ou por razón de sexo, instrumentos que servirán para seguir avanzando na consecución da igualdade, neste caso entre os traballadores e traballadoras do Concello”. Polo tanto, “nesta loita, nestas reivindicacións pola igualdade efectiva e real, é preciso contar con todas as administracións implicadas, especialmente co Goberno de España e a Xunta de Galicia”.