A corporación municipal aproba por unanimidade unha moción polo Día Internacional das Mulleres
- Aprobouse o Plan Normativo do Concello de Bueu para o 2024 no que se recollen as novas ordenanzas e a modificación doutras
- A moción presentada polo PP en relación coa Asociación Protectora de Animais do Morrazo non saíu adiante ao contar cos votos en contra do goberno bueués
A corporación municipal de Bueu celebrou este luns, 4 de marzo, a sesión plenaria ordinaria, na que se aprobou por unanimidade unha moción polo Día Internacional das Mulleres que se conmemora o próximo 8 de marzo. A proposta, presentada polos grupos do goberno (BNG e PSOE), incide no compromiso firme de levar a cabo todas e cantas accións estean nas competencias municipais para acadar a igualdade efectiva e real, como poden ser as relacionadas co empoderamento feminino e a educación. Así mesmo, tamén acorda seguir avanzando na incorporación da perspectiva de xénero en toda a actividade local e establecer unha coordinación adecuada entre as diversas áreas do goberno local. Laura Ogando, edil de igualdade e benestar social, lembrou na súa intervención que “temos que seguir reivindicando a igualdade, pois como dicía Simone de Beauvoir, cando haxa unha crise, sempre se ataca os dereitos que cremos conseguidos”.
Este foi o único asunto no que a corporación se mostrou unánime no seu conxunto. O pleno comezou co debate sobre unha proposta do concelleiro de urbanismo en relación coa denegación da aprobación definitiva do estudo de detalle relativo á ordenación de vivendas na rúa Montero Ríos. Segundo salientou Martín Villanueva, edil da área, “este expediente parte da necesidade de levar a cabo unha ampliación dunha vivenda en Montero Ríos, zona que se atopa en servidume de Costas e polo que se esixía un estudo de detalle, que foi redactado e presentado polos particulares”. Despois dos informes desfavorables de Costas da Xunta de Galicia e do Estado, indícase que a figura correcta de tramitación é un plan especial tal e como vén recollido no planeamento. Elena Estévez, dende a bancada dos populares, anunciou a abstención do seu grupo, xa que “non entendemos moi ben esa tramitación dende o Concello, pois bótase en falta que se informe ben aos interesados”. A proposta saíu adiante cos votos do BNG e do PSOE, e a abstención do PP.
Outro dos asuntos de debate foi arredor da moción presentada polo PP sobre a colaboración coa Asociación Protectora de Animais do Morrazo. Nela instábase ao goberno local a aboar os cartos pendentes á Protectora, así como a asinar un novo convenio de colaboración coa asociación, establecendo o pago dunha cota municipal dun euro por habitante, pagadeira nun 80% a comezos de ano e nun 20% a finais. Elena Estévez defendeu na súa intervención “o gran traballo deste colectivo, e o incremento dos gastos para o coidado dos animais, e que fan necesario un maior apoio do Concello de Bueu”. O voceiro do BNG, Xosé Leal, defendeu que “o Concello de Bueu sempre foi sensible coa protectora pese aos informes negativos dos técnicos municipais”. Neste sentido, Leal incidiu en que dende o departamento de Intervención estanse a levar a cabo os trámites á maior axilidade para poder facer o pagamento das cantidades pendentes, “aínda que estamos en prazo, porque o ano pasado tamén se aboou parte en marzo”. Ademais avanzou que no Plan Estratéxico de Subvencións para o ano 2024 xa consta unha partida de 9.000 € para a protectora, “coa que proporemos asinar novamente un convenio no que ese adianto do 80% xa se faría efectivo”· Neste asunto interveu o alcalde, Félix Juncal, quen apuntou que “o incremento dos custes tamén se deron para o Concello, e nós temos que ordenar e planificar os recursos que temos, debe haber uns límites conforme á realidade que vivimos”. Despois do debate, a moción desestimouse ao contar soamente cos votos a favor do PP, mentres que o BNG e o PSOE manifestáronse en contra.
Por último, tamén saíu adiante, cos votos dos grupos do goberno e a abstención do PP, o Plan Normativo para o 2024, no que se recolle a previsión de normativa reguladora a elaborar ou modificar dende o consistorio. Silvia Carballo, concelleira de promoción económica, turismo e persoal apuntou que “´é necesario actualizar moitas ordenanzas ao estar obsoletas e de implementar outras novas que recollan sensibilidades e cuestións que foron xurdindo ao longo dos últimos anos”. Así, as ordenanzas que se van modificar son a de protección contra ruídos e vibracións, e a do uso e desfrute das praias; mentres que como nova normativa atópanse a ordenanza do estacionamento e pernoita de caravanas e autocaravanas, a da xestión de uso da piscina municipal, a de tráfico, circulación e mobilidade, e a de limpeza e ornato público.