Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A concelleira de educación coñece o traballo do Ceip A Pedra para a II Feira da Ciencia e da Literatura

  • A científica bueuesa Isabel Pastoriza Santos visitou este xoves o centro, onde dúas alumnas a entrevistaron

  • O evento, impulsado polo IES Johán Carballeira, terá lugar o 4 de maio na Praza Massó e buscará visibilizar o papel das mulleres na ciencia e na literatura

A concelleira de educación de Bueu, Teresa López, visitou este xoves a biblioteca do CEIP A Pedra para coñecer de primeira man o proxecto que están desenvolvendo neste centro no marco da II Feira da Ciencia e da Literatura que se celebrará o próximo 4 de maio na carpa da Praza Massó.

A feira xorde da man do IES Johán Carballeira e conta coa colaboración do Concello de Bueu e dos demais centros educativos, que están desenvolvendo diversos traballos relacionados coa ciencia e coa literatura. Así, no caso do colexio de A Pedra, este xoves entrevistaron a Isabel Pastoriza Santos, unha bueuesa doutora en químicas, actualmente profesora da Universidade de Vigo onde comanda un equipo de investigación sobre as nanopartículas.

As encargadas de dirixir a conversa que se gravou hoxe foron María Pastoriza Cordero e Sara Curra Cordero, alumnas de 3º e 6º de primaria respectivamente, e que se interesaron polas razóns que levaron á científica a elixir esa profesión, en que consiste o seu traballo, que son as nanopartículas, como é o seu laboratorio, a conciliación entre a vida familiar e laboral ou os proxectos do futuro. Isabel Pastoriza recoñeceu que “é importante levar a ciencia aos colexios”.

Na biografía de Isabel Pastoriza destaca a súa labor como científica en laboratorios situados en diversos países (Estados Unidos, Alemaña, Australia…), ademais de que foi unha das cinco mulleres científicas premiadas por L’Oreal UNESCO “Polas mulleres na ciencia” no ano 2011. Os seus proxectos céntranse nas nanopartículas de ouro, prata e cobre, cuxo proceso permitirá desenvolver materiais intelixentes capaces de detectar moléculas perigosas para o medio ambiente ou a saúde. Durante a súa visita, o alumnado de 6º de primaria tivo a oportunidade de tocar e observar de preto algúns tubos con nanopartículas e os efectos dos mesmos.

Ao remate, desde a dirección do centro fixéronlle entrega á científica dun pequeno vaso de cerámica co logotipo da mascota da biblioteca “Papyrus”, mentres que a edil de ensino agasallouna cunha figura realizada polos integrantes da Asociación Juan XXIII de Cangas baseada na escultura do pintor José Solla, “Inés Palmira”.